O BNG chama a sumar forzas contra a reforma da política pesqueira europea, que suporá novos recortes para a pesca galega

Ana Miranda o pasado 22 de xullo na vila de Laxe nun acto público sobre o futuro da vila: a problemática da area, a praia e o porto; e a reforma da política pesqueira común.

24 de agosto de 2011.  O BNG ten manifestado xa o seu total rexeitamento á proposta, presentada o pasado 13 de xullo, de Política Pesqueira Común. O borrador da proposta promove o desmantelamento subsidiado da flota de até un 40% en Galiza, co fin de substituír a actividade produtiva tradicional vinculada coa pesca e o marisqueo pola acuicultura industrial e xustifícao como necesario cando non hai o debido contraste científico que avale estas decisións.

O BNG traballará, nos meses que restan até o debate no pleno do parlamento europeo, para artellar co sector pesqueiro galego as necesarias alternativas a esta reforma da política pesqueira europea e en defensa do país, e se é o caso buscará a resposta social para conseguir que a cidadanía pare un novo ataque ao noso sistema económico.

Nesta liña, o próximo sábado, 27 de agosto, ás 11 da mañá, terá lugar en Laxe, no Hotel Playa de Laxe, a primeira Mesa de Traballo na Defensa do Sector Pesqueiro da Costa da Morte.

O acto será aberto, e servirá por unha banda para explicar o borrador da proposta de Política Pesqueira Común e a posición do BNG, e pola outra, para barallar alternativas e respostas a esta proposta.

Ana Miranda, vindeira eurodeputada do BNG, que defenderá a posición de Galiza en Bruxelas tan pronto como se comece o debate, participará deste encontro e recollerá todas as achegas que se lle formulen dende o sector.

Ademais, estarán presentes a Deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila, e Xoán Ferreiro, Coordinador da Comisión de Pesca do BNG, así como membros do BNG de Bergantiños.

Por parte do sector, xa teñen confirmada a súa presenza máis de media ducia de asociacións vinculadas ao mundo da pesca e o marisqueo na Costa da Morte, e o BNG convida a todas cantas persoas teñan interese directo no sector a participar da xuntanza e transmitir as súas inquedanzas, de cara a aunar forzas e construír unha posición máis reforzada en defensa da nosa pesca.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]