O BNG explicou en Laxe a súa posición diante da formación do novo goberno local
Xulia Mira, Xosé Manuel Pose e Diana Toja no acto público convocado no local elctoral do BNG de Laxe
Xosé Manuel Pose: “Nós si temos ideoloxía”
Xosé Manuel Pose, primeiro concelleiro da historia do BNG na vila de Laxe, fixo un repaso por todo o acontecido no concello dende as eleccións municipais, e puxo en valor o papel coherente do BNG fronte ás manobras especulativas emprendidas polo resto de partidos políticos da oposición.
Diante do intento de confundir e de promover reunións para formar gobernos carentes de lóxica, o concelleiro do BNG destacou a postura clara e coherente do BNG, que se manifestou dende o primeiro momento.
Xosé Manuel Pose deixou claro que o BNG ía permitir a reelección como alcalde de Antón Carracedo (PSOE), pero tamén que o BNG non ía entrar nun goberno para asumir a corresponsabilidade dunha situación moi grave da que só o actual alcalde terá que responder.
Ao fío, Xosé Manuel Pose volveu destacar que o BNG puxo varias condicións nas negociacións co PSOE, pero unha por riba das demais: a realización dunha auditoría das contas municipais.
O concelleiro do BNG recoñeceu que esta auditoría provocará unha parálise do Concello durante uns meses, pero destacou que é necesario poñer en claro cal é a verdadeira situación económica do Concello de Laxe, que se presume moi grave.
Xosé Manuel Pose tamén fixo repaso doutros condicionantes que se seguirán a poñer enriba da mesa nas próximas conversas co PSOE, como a transparencia nas contratacións e a regularización dos horarios do persoal municipal.
Diana Toja: “A débeda multiplicouse en oito anos”
Diana Toja, que concorreu ás eleccións municipais como número 3 do BNG, fixo un repaso da situación económica, cando menos da que se coñece, do Concello.
Recalcou que non hai datos actualizados dende o 2007, pero os que hai, públicos, deixan ben ás claras que no período 1999-2007 (os oito primeiros anos de goberno do PSOE en Laxe, nos que si se aprobaron orzamentos) se multiplicou a débeda do Concello, que se recoñecía xa á altura do 2007 en, aproximadamente, 3 millóns de euros, así como o gasto de persoal, que se triplicou a pesar de que a poboación disminuiu ao redor de 100 persoas no ano 2007 respecto do ano 1999.
Cos datos na man, Diana Toja puxo en evidencia a necesidade da auditoría das contas para coñecer a realidade municipal a día de hoxe e planificar o futuro do Concello.
Xulia Mira e as apostas do BNG para a negociación
Xulia Mira, que concorreu ás eleccións municipais como número 2 do BNG, dedicou a súa intervención a expoñer as propostas que o BNG poñerá enriba da mesa na negociación que se abrirá co PSOE para o próximo pleno, no que ten que acordarse o funcionamento ordinario do Concello no próximo mandato.
Xulia Mira destacou a aposta do BNG pola transparencia e a claridade na actuación municipal. Sinalou que se defenderá que os plenos se convoquen unha vez ao mes (e non cada tres meses, como até agora) e que as sesións sexan os sábados pola mañá, para permitir que toda a veciñanza poida acudir e coñecer as posturas das diferentes organizacións políticas alí representadas.
Xulia Mira tamén sinalou que o BNG defenderá as máximas competencias para o pleno, que promoverá a creación dunha xunta de portavoces para negociar os grandes temas da política municipal e a creación de comisións informativas antes dos plenos, para aumentar o nivel de información aos distintos grupos políticos.
Ademais, Xulia Mira tamén dixo que o BNG propoñerá reducións nos custes ocasionados polos diferentes grupos políticos ao Concello así como das dedicacións exclusivas, algo que considerou un xesto necesario en atendemento aos tempos que corren e á difícil situación económica do Concello.
O ruxe ruxe dos días pasados centrou as preguntas do público
No capítulo de roldas e preguntas, Xosé Manuel Pose aproveitou para saír ao paso de variadas polémicas que estes días salpicaron Laxe.
Así, destacou que efectivamente houbera insinuacións diversas sobre o papel do BNG (tanto da inclusión no goberno co PSOE como nun suposto tripartito co PP e IxLaxe), pero que o BNG nunca se prestou ao xogo da dereita local e que sempre tivo clara a súa decisión.