O BNG lamenta que o resto de forzas políticas non cumprisen a decisión unánime de suspender a campaña electoral este xoves
Carballo, 13 de maio de 2011. O BNG quere lamentar profundamente o incumprimento flagrante do resto de forzas políticas a respecto do acordo de paralizar onte xoves a campaña electoral en solidariedade coas vítimas do terremoto que sacudiu o sur do Estado.
O BNG comprometeuse publicamente coa suspensión da campaña, e dende media mañá, unha vez que a decisión foi trasladada a todas as localidades e se escenificou, por parte dos catro candidatos á alcaldía de Carballo, o acordo, non promoveu ningún acto público, reparto, anuncio a través de megafonía...
Sen embargo, o BNG quere expresar publicamente o seu malestar polo incumprimento feito deste acordo polo resto de forzas políticas actuantes na comarca. Aínda que en diferente grao, tanto Partido Popular como Terra Galega como PSOE permitiron que parte da súa campaña se desenvolvese con normalidade na comarca.
Terra Galega foi a forza política que semella incumpriu máis flagrantemente o acordo de suspensión de campaña, e mantivo repartos de material en Coristanco e o uso da megafonía tanto en Coristanco como en Malpica de Bergantiños. En Carballo, aínda ben entrada a tarde diversas persoas vinculadas a esta forza política afanábanse na colocación de carteis electorais en farolas do centro urbano carballés (por exemplo, na propia rúa do Hórreo, fronte ao local do BNG).
O Partido Popular tampouco se quedou atrás, e hai constancia do uso de megafonía electoral en Cabana de Bergantiños, do reparto de material en localidades como A Laracha ou Ponteceso (por exemplo, a través do candidato Óscar Rey) e semella que tamén nalgunha parroquia carballesa como é o caso de Sofán. En Coristanco, o Partido Popular pegou publicidade en pleno centro da vila ao longo da tarde, e até última hora da mañá hai constancia do uso da megafonía na parroquia de Rececinde.
E estes son só os casos dos que o BNG tivo coñecemento, mais semella que poderían ser moitos máis, vista a actitude xeral de falta de respecto do compromiso acadado.
Así pois, constatado o incumprimento do acordo de respectar a memoria das vítimas de Lorca, o BNG quere manifestar publicamente o seu malestar pola actuación desleal do resto de forzas políticas actuantes e reclamar que no sucesivo os acordos tomados sexan respectados.