O BNG non se pon límites nesta campaña de eleccións municipais, e sae a por todas
30/04/2011. O Consello Comarcal do BNG de Bergantiños fixo hoxe balanzo diante dos medios de comunicación, tanto do que foi a precampaña electoral como da campaña que queda por diante.
A aposta pola comarca
Vítor Recarei, responsábel comarcal do BNG, recalcou na valoración da precampaña a aposta pola comarca como realidade, e destacou que o BNG foi a única forza que presentou un programa comarcal común para todos os concellos, e tamén que foi o único que fixo foto de familia de todos os candidatos e candidatas da comarca.
Tamén recalcou a coordinación da comarca, que organizou os seus actos de presentación de forma conxunta, semana a semana, comezando en Carballo o 10 de marzo e rematando en Cabana de Bergantiños o 29 de abril. Actos nos que todos os portavoces respaldaron as candidaturas do resto de concellos da bisbarra.
30/04/2011. Presentación da campaña das municipais 2011. Intervención de Vítor Recarei, responsábel comarcal do BNG de Bergantiños, acompañado de membros do Consello Comarcal.
Vítor Recarei destacou que a precampaña demostrou a forza coa que parte o BNG. Puxo en valor que son as candidaturas máis numerosas da historia do BNG da comarca (con até 150 persoas) e que todos os actos de presentación estiveron a rebosar de público, do primeiro ao último, o que permite afrontar a campaña con máis ilusión se cabe.
Hai alternativa, hai futuro, hai BNG
Vítor Recarei destacou, de cara á campaña electoral, que, tal como reza o lema, hai alternativa porque hai BNG, e que nos concellos hai futuro. É posíbel facer políticas distintas, como o BNG ten demostrado, e os concellos poden saír a flote na difícil situación actual.
O responsábel comarcal do BNG destacou que o BNG colleitou hai catro anos os seus mellores resultados, ao conseguir reforzar a alcaldía de Carballo e conseguir un deputado provincial por primeira vez na historia, e que desta vez é mellorar en todos os concellos.
A preguntas dos xornalistas, Vítor Recarei destacou que “non nos poñemos límites. Presentamos equipos preparados para gobernar en todos os concellos, e terá que ser a cidadanía quen poña a cadaquén no seu sitio. Temos a satisfacción do traballo ben feito.”
O calendario de campaña
A rolda de prensa tamén serviu para entregar aos medios o calendario de campaña, unha campaña intensa, porta a porta, parroquia a parroquia, na que o BNG de Bergantiños ten previstos máis de 60 actos ao longo dos 15 días de campaña.
A campaña comezará na madrugada do 5 ao 6 de maio, e xa o día 6 de maio haberá actos en tres localidades: Imende (Carballo), Paiosaco (A Laracha) e Tella (Ponteceso).
O sábado, 7 de maio, haberá un acto comarcal sobre políticas de mocidade, e será en Cabana de Bergantiños por ser de alí David Cancela, o candidato máis novo da comarca. Con el estarán Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, e Marcos Trigo, concelleiro de Mocidade en Carballo.
Os actos centrais de campaña quedarán para os últimos sete días. O acto central da Laracha será o venres, 13; o de Cabana de Bergantiños, o luns, 16; o de Coristanco, o martes, 17; o de Carballo, o xoves, 18; mentres que Laxe, Ponteceso e Malpica de Bergantiños reservarán o seu acto central para o último día de campaña, o venres, 20 de maio.