COA FORZA DA XENTE, HAI FUTURO!

Candidatos do BNG dos sete concellos de Bergantiños ás vindeiras eleccións municipais

16-04-2011.  O BNG de Bergantiños entregou onte no rexistro da Xunta Electoral de Zona as candidaturas para o conxunto de concellos da bisbarra de Bergantiños. Son as candidaturas máis populosas da historia do nacionalismo na comarca, con até 150 persoas, moitas das cales se incorporan por primeira vez.

O BNG consegue, unha vez máis, presentar candidatura nos sete concellos da comarca, como xa fixera hai catro anos, pero chegando cada vez a máis xente e máis territorio. Nas candidaturas do BNG están representadas até o 75% das parroquias.

Ademais, en catro dos sete concellos da comarca as candidaturas van ao límite (ao presentar o máximo de dez suplentes que a lei permite), mentres que nos tres restantes se aumenta o número de candidatos/as con respecto a hai catro anos.

Candidatos do BNG dos sete concellos de Bergantiños ás vindeiras eleccións municipais

A xuventude e renovación é outro dos trazos característicos das candidaturas presentadas. Dos 150 nomes que compoñen as listas, 57 correspóndense con mozos e mozas que non alcanzan os 30 anos, o que representa o 38%. Cabe destacar aquí casos relevantes como o do candidato por Cabana de Bergantiños (David Cancela) ou o das candidatas número 2 por Coristanco (Laura Mariño) e Ponteceso (Nieves Suárez) entre quen figuran en posicións máis destacadas.

O BNG tamén cre na igualdade real entre homes e mulleres, e practícao nas súas candidaturas. O reparto de xénero é tremendamente equilibrado (54% de homes, 46% de mulleres), e todas as candidaturas son “cremalleira” (Carballo, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Ponteceso) ou ben priman as mulleres nos cinco primeiros postos (Coristanco, A Laracha, Laxe).

Estas son as liñas xerais das candidaturas coas que o BNG se presenta a estas eleccións municipais. As candidaturas máis fortes, representativas e renovadas das forzas políticas da comarca.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]