O BNG forza ao Partido Popular a asumir o compromiso de solucionar con execución de obra este mesmo ano os problemas do porto de Laxe

Xosé Manuel Pose, Diana Toja e Bieito Lobeira.

 15/04/2011.  Día histórico para Laxe. Así se pode definir a xornada de onte, na que unha iniciativa parlamentaria do BNG abre a luz ao fondo do longo túnel, da longa historia de problemas e desventuras causadas na vila polo problema da area.

O BNG vén traballando intensamente para buscar unha solución ao problema, e a de onte foi o resultado de todo isto, cun día maratoniano para o BNG de Laxe. Xosé Manuel Pose, Xulia Mira e Diana Toja comezaron a mañá entrevistándos con Rafael Eimil, responsábel de Costas en Galiza, ao tempo que se debatía na Comisión de Pesca do Parlamento Galego a Proposición non de lei presentada por Bieito Lobeira.

14/04/2011. Presentación da Proposición non de lei sobre a area e o porto de Laxe.

O día continuaba coa sorpresa do voto favorábel do PP, seguramente urxido pola proximidade das eleccións locais e a forte presión social que foi quen de mobilizar o BNG, comprometendo o inicio das obras antes do mes de setembro. Ás 8 e media da tarde, o BNG presentaba publicamente en Laxe a súa proposición non de lei á veciñanza de Laxe e daba conta dos resultados.

Diana Toja recompilou a historia do conflito da area

14/04/2011. Presentación da Proposición non de lei sobre a area e o porto de Laxe.Intervención de Diana Toja 1

O acto público en Laxe, presentado por Xosé Manuel Pose, candidato do BNG á alcaldía, comezou coa intervención de Diana Toja (número 3 do BNG para as eleccións municipais), quen fixo un percorrido pola historia da problemática, que o auditorio tamén recordaba.

Diana Toja lembrou que en todo este proceso o BNG foi vangarda e que presentou iniciativas nos diversos estamentos, tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento Galego, conseguindo por primeira vez o apoio de todo o tecido asociativo para as demandas formuladas polo BNG pero sentidas polo conxunto da veciñanza.

14/04/2011. Presentación da Proposición non de lei sobre a area e o porto de Laxe.Intervención de Diana Toja 2

Bieito Lobeira explicou o debate parlamentario

Bieito Lobeira, parlamentario do BNG e autor da iniciativa onte aprobada, fixo un percorrido polas diversas iniciativas presentadas polo BNG e, sobre todo, pola iniciativa onte aprobada na Comisión de Pesca do Parlamento.

14/04/2011. Presentación da Proposición non de lei sobre a area e o porto de Laxe. Intervención de Bieito Lobeira 1

Lobeira destacou que foi o BNG a única forza que se mantivo inamobíbel na esixencia de unha solución de fondo ao problema e a que esta se execute xa, e recalcou que foi a posición firme do BNG a que obrigou ao Partido Popular a posicionarse e ter que votar a favor.

A Proposición non de Lei do BNG esixe que antes do mes de setembro deste ano comecen as obras que solucionen o problema de fondo do porto de Laxe. Unha vez que se conseguiu forzar ao PP a votar a favor, Bieito Lobeira xa adiantou que o BNG será garante do seu cumprimento, e que xa hoxe mesmo presentará unha nova iniciativa no Parlamento Galego para reclamar a comparecencia de Álvarez-Campana e pedirlle concreción nas datas dos distintos prazos que se teñen que dar (aprobación do proxecto, dotación orzamentaria, saída a concurso, comezo das obras…)

14/04/2011. Presentación da Proposición non de lei sobre a area e o porto de Laxe. Intervención de Bieito Lobeira 2

Unha posición dilatoria por parte do PP e do PSOE

Bieito Lobeira destacou o importante que foi o respaldo veciñal para conseguir que a Proposición non de lei saíse adiante.

O deputado do BNG lamentou a posición vacilante tanto do PP (que non tiña interese en comprometer a execución desta obra) como do PSOE, que promoveu o mesmo día outra iniciativa sobre a mesma cuestión na que só se pedía que se fixeran novos estudos, postura que o único que conseguiría sería dilatar o problema sen dar solucións certas. Bieito destacou que existen estudos máis que suficientes, e que xa é hora de realidades.

14/04/2011. Presentación da Proposición non de lei sobre a area e o porto de Laxe. Intervención de Bieito Lobeira 3

A necesidade de manter a presión social

Bieito Lobeira destacou que cando este país se propón firmemente algo pode conseguilo, e salientou que a presión social é fundamental para que todo isto non quede en palabras baleiras, en compromisos no caixón.

O deputado do BNG recalcou que dende hoxe o BNG estará vixiante cos prazos, e pediu á cidadanía de Laxe que fixese outro tanto.

As estacas de Álvarez Campana

Ao fío do debate que se abriu despois das intervencións, apareceron novamente á luz pública as estacas que Álvarez Campana foi colocar á praia de Laxe para intentar “delimitar” as súas competencias.

O paso do tempo demostrou claramente que a responsabilidade da actuación correspondía á Xunta de Galiza, e a imaxe de Álvarez Campana, responsábel de Portos, xunto ao candidato do PP de Laxe á alcaldía, marcando os cinco metros de suposta competencia do goberno galego, quedan como unha nova broma de mal gusto da que o Partido Popular terá que dar conta á veciñanza.

A sociedade activa de Laxe, co BNG na inauguración do seu novo local

O BNG estreaba, con este acto público, o seu novo local electoral en Laxe, na rúa Rosalía de Castro.

Este primeiro acto público do BNG no seu local, para dar conta da Proposición non de lei, contou coa presenza de boa parte do tecido asociativo máis implicado directamente no problema da area, con traballadores/as do mar e do porto e membros do tecido asociativo vinculado.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]