O BNG chama a sumar forzas contra a reforma da política pesqueira europea, que suporá novos recortes para a pesca galega
Ana Miranda o pasado 22 de xullo na vila de Laxe nun acto público sobre o futuro da vila: a problemática da area, a praia e o porto; e a reforma da política pesqueira común.
O BNG traballará, nos meses que restan até o debate no pleno do parlamento europeo, para artellar co sector pesqueiro galego as necesarias alternativas a esta reforma da política pesqueira europea e en defensa do país, e se é o caso buscará a resposta social para conseguir que a cidadanía pare un novo ataque ao noso sistema económico.
Nesta liña, o próximo sábado, 27 de agosto, ás 11 da mañá, terá lugar en Laxe, no Hotel Playa de Laxe, a primeira Mesa de Traballo na Defensa do Sector Pesqueiro da Costa da Morte.
O acto será aberto, e servirá por unha banda para explicar o borrador da proposta de Política Pesqueira Común e a posición do BNG, e pola outra, para barallar alternativas e respostas a esta proposta.
Ana Miranda, vindeira eurodeputada do BNG, que defenderá a posición de Galiza en Bruxelas tan pronto como se comece o debate, participará deste encontro e recollerá todas as achegas que se lle formulen dende o sector.
Ademais, estarán presentes a Deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila, e Xoán Ferreiro, Coordinador da Comisión de Pesca do BNG, así como membros do BNG de Bergantiños.
Por parte do sector, xa teñen confirmada a súa presenza máis de media ducia de asociacións vinculadas ao mundo da pesca e o marisqueo na Costa da Morte, e o BNG convida a todas cantas persoas teñan interese directo no sector a participar da xuntanza e transmitir as súas inquedanzas, de cara a aunar forzas e construír unha posición máis reforzada en defensa da nosa pesca.