A historia do BNG

1982. O Bloque Nacionalista Galego fúndase en setembro de 1982. A Asemblea fundacional celébrase nos días 25 e 26 de setembro participando nela diversas organizacións e colectivos nacionalistas (AN-PG, UPG, PSG,  independentes...)
A fundación prodúcese nun contexto sociopolítico fondamente hostil para o nacionalismo galego sendo o exemplo máis claro a expulsión do Parlamento de Galiza dos deputados da coalición BNPG/PSG en novembro de 1982 pola defensa democrática dos principios que sustentaban o proxecto político nacionalista.

1983. Un grupo de militantes do PSG constitúen o Colectivo Socialista permanecendo no BNG fronte á decisión da dirección do partido de abandonalo.
A loita contra a OTAN e as agresións ecolóxicas que sofre Galiza (vertidos radiactivos fosa atlántica) sitúanse como o referente principal da actividade organizativa.
En abril celébranse eleccións locais, as primeiras ás que concorre o BNG, obtendo 50.491 votos e 117 concelleiros/as.
A histórica manifestación do Día da Patria Galega (25 de Xullo) culmina cunha masiva sentada de protesta contra a prohibición gobernativa de acceder ao casco histórico. Despois de cinco horas, a concentración é disolta cunha violenta carga policial. Este suceso manifesta ás claras a hostilidade na que se ten que desenvolver o nacionalismo galego.

1984. En decembro ten lugar a IIª Asemblea Nacional en Santiago de Compostela. Nesta Asemblea defínese a posición do BNG en aspectos fundamentais do seu proxecto político como o ecoloxismo, o feminismo, o ensino, a lingua, a cultura,…
Ao longo deste ano o BNG desenvolve unha inxente actividade contra o desmantelamento industrial provocado pola política de "reconversión", participando activamente nas tres folgas xerais que teñen lugar na Galiza.
O BNG desenvolveu accións de protesta contra a apropiación e manipulación dos restos mortais de Castelao recibindo como resposta unha dura represión policial. O recordo do político nacionalista foi o motivo do Día da Patria Galega, xornada na que o nacionalismo volve acceder ao recinto histórico de Compostela despois de anos de prohibición.

1985. O BNG, en consonancia co principio pacifista, promove novas marchas e mobilizacións contra a OTAN.
O BNG participa na constitución da Conferencia de Organizacións de Nacións Sen Estado da Europa Occidental (CONSEO).
Nas eleccións autonómicas de novembro o BNG obtén 53.072 votos, resultando elixido deputado Xosé Manuel Beiras Torrado.
Os resultados electorais culminan unha etapa de debate interno que desemboca na celebración dunha Asemblea Extraordinaria en Santiago o 15 de decembro, na que o BNG rectifica a súa táctica política a respecto da esixencia regulamentaria de acatar a Constitución para acceder ao Parlamento. Esta rectificación convértese nun paso fundamental para o desenvolvemento do BNG no seu obxectivo de defender os intereses de Galiza.

1986. En marzo celébrase o Referendo sobre a permanencia na OTAN, no que o BNG fai campaña a favor do non.
Nas eleccións xerais de xuño de 1986 o BNG obtén 27.049 sufraxios.
O BNG ante os actos oficiais de celebración do cincuentenario do plebiscito do Estatuto de 1936, unha vez máis obxecto de manipulación, responde con actos e mobilizacións a favor do dereito á autodeterminación.

1987. Nos días 7 e 8 de febreiro ten lugar en O Carballiño a III Asemblea Nacional. A militancia aproba os mecanismos que permitirán a actualización das tácticas e das formas de traballo político iniciando o proceso de apertura da Fronte á sociedade galega.
No marco dos actos da Mesa Pola Normalización Lingüística en defensa do idioma galego o BNG presenta a nova imaxe corporativa.
Ante as eleccións europeas de 1987, o BNG acredita na necesidade de configurar unha candidatura nacionalista unitaria para levar a voz de Galiza a Europa. As conversas entre as formacións nacionalistas non frutifican quedando o BNG como a única candidatura galega. No contexto das eleccións europeas o PCLN sitúase fóra do BNG pola decisión de apoiar a candidatura de HB vulnerando os acordos do Consello Nacional do BNG.
En xuño celébranse conxuntamente as eleccións europeas e as municipais, o BNG obtén 53.116 votos nas primeiras e 61.256 e 139 concelleiros/as nas segundas. Con estes resultados o BNG convértese na primeira organización nacionalista en número de votos.
Ante a crise que atravesan as institucións galegas, o BNG presenta en setembro un Proxecto de Lei de medidas urxentes para o desenvolvemento económico, político, social e cultural de Galiza. Este proxecto, coñecido como Lei de Bases, configúrase na estrutura sobre a que se vai edificar o programa do Bloque no marco político vixente.

1988. En xullo créase a organización xuvenil nacionalista Galiza Nova que pasa a integrarse no BNG.
Ante a vaga de lumes que asolaga Galiza, o BNG impulsa, xunto con diversas asociacións e colectivos ecoloxistas, a primeira iniciativa lexislativa popular que xorde en Galiza co obxecto de defender o patrimonio forestal galego.
A celebración do 25 de Xullo ten lugar este ano co slogan "Proxecto común", que sintetiza a liña de renovación e integración impulsada pola IIIª Asemblea Nacional.
A convocatoria das eleccións europeas para 1989 xera por parte do BNG unha iniciativa, en réxime de autoconvocatoria, para configurar un pacto político de concorrencia conxunta no que teñan cabida todas as forzas autóctonas. As diferentes estratexias políticas sitúanse por riba da defensa de Galiza provocando o fracaso da proposta.

1989. En febreiro ten lugar a IV Asemblea Nacional en Lugo. Os debates asemblearios céntranse na configuración dunha estratexia política ante a crise na que está sumida Galiza. O BNG decide presentar candidato á Presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas en consecuencia coa nova estratexia política aprobada en O Carballiño.
En xuño teñen lugar as segundas eleccións ao Parlamento Europeo, nas que o BNG, como única candidatura galega, reforza a súa posición como a primeira forza dentro do nacionalismo con 46.052 votos.
A hostilidade fronte ao nacionalismo segue vixente manifestándose no enxuizamento do dirixente Francisco Rodríguez por uns feitos acaecidos en 1984 e carentes de fundamento.
En outubro celébranse eleccións xerais anticipadas nas que o BNG obtén 47.763 votos.
Nas eleccións autonómicas de decembro o Bloque convértese na terceira forza no Parlamento de Galiza con 105.703 votos e cinco deputados/as, conformando grupo parlamentar propio.

1990. En xuño a Comisión Permanente fai público o documento "Análise do BNG perante a situación económica de Galiza" no que se analiza a realidade galega e se considera imprescindíbel a unidade do nacionalismo galego en torno a uns principios básicos.
O slogan “Entre todos” preside o Día da Patria no que participa por primeira vez o PNG-PG.

1991. En xaneiro celébrase en Vigo a V Asemblea Nacional. Asínase o protocolo de integración de Galiza Nova no BNG.
En maio teñen lugar as eleccións municipais. O BNG presenta 162 candidaturas coas que obtén 107.932 votos e 241 concelleiros/as.
O Bloque desenvolve unha intensa campaña co slogan "Galiza autodeterminación" que culmina o 6 de Decembro nunha manifestación en Compostela na que participan máis de 10.000 persoas.
O Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) asina o protocolo de integración no BNG.

1992. O compromiso do BNG cos sectores produtivos galegos maniféstase no apoio e participación activa na Folga Xeral nacional do 2 de abril.
Un grupo de independentes do BNG crean o colectivo Esquerda Nacionalista.
No outono impúlsase unha campaña contra o Tratado de Maästricht, organizando actos explicativos en toda a nación sobre as consecuencias da Europa do capital.
En decembro celébrase unha multitudinaria festa en A Coruña con motivo do 10º aniversario da fundación do BNG.

1993. En marzo convócase a VI Asemblea Nacional que ten lugar en A Coruña.
O proceso de converxencia do nacionalismo avanza coa integración do colectivo Inzar, organización resultante da fusión do Movimento Comunista de Galiza e da organización galega da Liga Comunista Revolucionaria.
Ás eleccións xerais de marzo o BNG concorre co lema "Galiza con forza própria" e obtén 126.965 votos, ficando ás portas de obter representación nas provincias de A Coruña e Pontevedra.
O compromiso do BNG por unha Europa dos Pobos fundamenta a participación da organización no Forum Internacional en Dinamarca onde se reúnen organizacións e personalidades de diversos países europeos críticos co modelo de Europa consagrado polo Tratado de Maästricht.
Nos comicios autonómicos de outubro o Bloque consegue 269.233 votos e 13 deputados. O avance electoral exprésase no incremento colleitado nas cidades nas que se converte na segunda forza política.

1994. O avance na unidade do nacionalismo no plano político plásmase no plano sindical coa reunificación do sindicalismo nacionalista que culmina este ano coa fundación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Nas eleccións europeas de xuño o BNG obtén 139.221 votos.
O Día da Patria adícase á conmemoración do 50º aniversario do "Sempre en Galiza" de Castelao, obra central do nacionalismo contemporáneo.
A integración de Unidade Galega en decembro culmina o proxecto de unidade do nacionalismo iniciado en 1982.

1995. As eleccións municipais de maio supoñen a consolidación do avance do BNG, nas que obtén 208.098 votos e 428 concelleiros/as.
En Decembro celébrase na Feira de Mostras de Ferrol a VIIª Asemblea. A definición dos criterios de actuación do BNG nas Cortes Xerais e os eixos que deben artellar unha alternativa de goberno en Galiza van centrar os traballos asembleares. No plano organizativo, nun paso máis cara á consolidación organizativa, apróbase o desenvolvemento dos Estatutos orixinarios.

1996. Nas eleccións xerais de marzo o BNG obtén 220.147 votos, conseguindo por vez primeira na súa historia dúas actas de deputado -Guillerme Vázquez e Francisco Rodríguez-.
A actuación organizativa e política vai dirixida neste ano a estabelecer un contacto directo coa sociedade co obxectivo de conformar unha alternativa ao desgoberno do Partido Popular. En outubro celébrase un acto masivo en Compostela no que se presenta a alternativa e a Xosé Manuel Beiras como candidato á presidencia da Xunta.

1997. O BNG concorre ás eleccións autonómicas de outubro cun programa de goberno e acada un éxito sen precedentes ao conseguir 395.435 votos e 18 deputados, converténdose na segunda forza política de Galiza.

1998. En xuño ten lugar en Ourense a VIIIª Asemblea Nacional. Esta Asemblea marca un fito no desenvolvemento da organización xa que nela se adecúan as estratexias políticas á súa condición de alternativa de goberno.
Unha das consecuencias desta Asemblea é a sinatura da Declaración de Barcelona, xunto con PNV e CDC, como entente na defensa do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado. A esta Declaración séguenlle a de Gasteiz e a de Compostela, que afondan nos acordos de Barcelona.

1999. En maio o BNG impulsa a creación da Fundación Galiza Sempre como mecanismo para promover todo tipo de actividades que contribúan a profundar no coñecemento da realidade galega e ao desenvolvemento do pensamento político, social, cultural e económico da nación.
O BNG volve concorrer en solitario ás eleccións europeas de xuño obtendo 349.079 votos e por vez primeira un deputado no Parlamento Europeo, na persoa de Camilo Nogueira.
Nas municipais obtéñense 290.187 votos e 585 concelleiros. Estas eleccións supoñen un avance cualitativo xa que se entra no goberno en cinco das sete cidades galegas, en tres delas ocupando a alcaldía.

2000. Nas eleccións xerais o BNG obtén 306.268 votos e 3 deputados. Anxo Quintana é designado senador polo Parlamento de Galiza. O BNG, xa que logo, alcanza pola primeira vez representación na Cámara Alta, completando deste xeito a súa presenza en todos os foros.
O BNG convértese en membro de pleno dereito do Partido Democrático dos Pobos de Europa-Alianza Libre Europea. En maio constitúese no Parlamento Europeo o Intergrupo de nacións sen Estado, sendo nomeado presidente do mesmo Camilo Nogueira.
En xuño preséntase en Compostela o manifesto “Un compromiso responsábel co país”, no que o BNG establece un diálogo aberto coa sociedade para construír a alternativa de goberno na Galiza.
O BNG participa activamente nas actividades da “Marcha Mundial de Mulleres”con delegación propia nas manifestacións que teñen lugar en Bruxelas e Nova York.
O BNG presenta o seu novo sitio web, www-bng-galiza.org.

2001. En xaneiro o BNG presenta unha moción de censura ante o desleixo da Xunta fronte ao problema das “vacas tolas”.
O BNG participa como anfitrión no Encontro do Intergrupo de Nacións sen Estado no Parlamento europeo celebradas en Compostela.
En febreiro ten lugar en Compostela a IXª Asemblea Nacional, na que se reforza o BNG como alternativa de goberno dotada dun programa e dun proxecto único para Galiza.
O Bloque participa activamente na folga de xuño contra os recortes sociais promovidos polo Goberno de Aznar.
En outubro celébranse as eleccións autonómicas nas que o BNG obtén 346.423 votos e 17 deputados e deputadas manténdose como segunda forza no Parlamento de Galiza. Os comicios teñen lugar nun contexto mediatizado pola ofensiva ideolóxica contra os nacionalismos despois dos atentados do 11 de setembro.
O BNG participa activamente nas masivas mobilizacións contra o proceso de privatización da educación e invasión da autonomía universitaria através da nova Lei Orgánica de Universidades (LOU).

2002. En abril o BNG celebra en A Coruña a X Asemblea Nacional. Nesta Asemblea adóptanse resolucións significativas como a substitución da Permanente pola Executiva Nacional que pasa a ser un órgano elixido pola Asemblea.
O Bloque apoia a folga xeral do 20 de xuño contra o decreto do Goberno Central de reforma do sistema de cobertura do desemprego.
A Fundación Galiza Sempre, en colaboración con Galiza Nova, organiza os días 24 e 25 de xullo a primeira edición do Festigal, un evento que se converterá nun referente a nivel nacional.
En setembro faise público o documento “Galiza merece máis”. Neste documento o BNG fixa a súa posición a respecto do incremento do autogoberno de Galiza na perspectiva do pleno recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español.
Celébrase en Vigo o Acto de Conmemoración do XX aniversario da fundación do BNG.
O BNG, ante a neglixente xestión da catástrofe ecolóxica producida polo buque Prestige, apoia a autoorganización do pobo galego esixindo a depuración de responsabilidades políticas e solucións para reparar os danos e impedir que catástrofes desta caste volvan producirse. A iniciativa do BNG é respondida por numerosas entidades asociativas de Galiza. Desta iniciativa xorde o 21 de Novembro a Plataforma Cidadá Nunca Máis que se converterá na expresión cívica do pobo galego aglutinando ao seu redor a centos de entidades e a un movemento social dunha dimensión até entón descoñecida no país. O 1 de decembro Santiago acolle a maior manifestación da historia de Galiza, na que 200.000 persoas berran “Nunca Máis” ante a situación xerada.
A indignación social ante o comportamento do Goberno e da Xunta culminan na presentación dunha moción de censura ao presidente Fraga que se debaterá no Parlamento de Galiza o 12 de Decembro.

2003. Ante o desleixo e a manipulación, o BNG participa como parte activa nas leccións de dignidade colectiva na masiva manifestación das “maletas” celebrada o 9 de Febreiro na Coruña e na marcha a Madrid do día 23, que congregou centos de miles de galegos na capital do Estado.
O BNG impulsa iniciativas en todos os ámbitos fronte á invasión de Iraq, como expoñente da guerra imperialista.
Nas eleccións municipais o BNG presenta 307 listas e obtén 325.331 votos e 595 concelleiros/as, pasando a formar goberno en 42 Concellos (19 alcaldías). O resultado obtido na provincia de A Coruña sitúa o BNG nunha posición central para impulsar o cambio na Deputación de A Coruña accedendo ao cogoberno. Estas eleccións supoñen un novo fito para o Bloque obtendo o mellor resultado da súa historia nunhas eleccións locais.
En novembro celébrase a XI Asemblea Nacional na que se elixe a Anxo Quintana como novo Portavoz Nacional e candidato á Presidencia da Xunta ao obter 1.700 votos fronte aos 600 de Camilo Nogueira. Xosé Manuel Beiras pasa a ser elixido Presidente do Consello Nacional.

2004. As eleccións xerais de marzo celébranse nun clima fondamente constrinxido polo brutal atentado terrorista do 11-M en Madrid;, neste contexto o BNG resiste a deriva bipartidista obtendo 208.688 votos e mantén dous deputados no Congreso.
O BNG concorre ás eleccións europeas de xuño na coalición Galeusca-Pobos de Europa obtendo na Galiza 141.756 votos, máis do 12% dos válidos. A redución do número de eurodeputados correspondentes ao Estado incide negativamente na perda do representante do BNG.
En xullo preséntase o documento de bases para un novo Estatuto de Nación para Galiza, no que se conteñen os criterios que deben orientar o proceso de reforma estatutaria. Este documento desenvólvese no Foro polo Novo Estatuto con representantes de distintos ámbitos sociais e profesionais, coa finalidade de dotar ao BNG de achegas e de implicar á sociedade neste debate fundamental.

2005.
En xaneiro faise pública a Declaración de Rianxo na que se reclama un acordo para avanzar no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español, ao tempo que se fai un chamamento ás demais forzas políticas de Galiza para acadar un compromiso para dotar a Galiza dun Estatuto de nación.
En febreiro o Foro polo Novo Estatuto presenta á sociedade e achega ao BNG as súas propostas.
O Estado convoca un referendo para ratificar a Constitución Europea. O BNG, consecuente coa súa posición política e co seu compromiso histórico con Galiza, defende o voto negativo ante un modelo de construción europea dirixido polo capital transnacional e enfrontado á Europa dos pobos.
En xuño celébranse eleccións autonómicas, nas que o BNG obtén 311.954 votos e 13 actas no Parlamento. O escenario resultante das eleccións representou un cambio cualitativo que abriu novas oportunidades para o Bloque. O BNG forma parte do goberno da Xunta por vez primeira na súa historia. O reparto do poder no acordo de goberno co PSOE deixa ao BNG coa Vicepresidencia e con catro consellerías. O Portavoz Nacional, Anxo Quintana, convértese no Vicepresidente da Xunta e no referente do nacionalismo no goberno. Fernando Blanco, Ánxela Bugallo, Teresa Táboas e Alfredo Suárez Canal completan o primeiro gabinete con presenza nacionalista.
A aposta do BNG polo Estatuto que lle corresponde a Galiza culmínase en decembro nunha Convención Nacional na que se presenta o texto articulado do Estatuto de Nación.
O BNG participa na Asemblea Xeral de Galeuscat en Madrid, que marca o inicio dunha nova andaina da alianza.

2006. En xaneiro fúndase a Tribuna Galeuscat dotándose de órganos permanentes de coordenación parlamentar nas Cortes Xerais.
En abril ten lugar a Convención Nacional pola Lingua na que se actualiza a posición e actuación do BNG neste ámbito e se define a acción institucional e social precisa para avanzar de xeito real e efectivo na normalización do galego.
O arranque da campaña do 25 de xullo tivo lugar o 28 de xuño, coincidindo co 70º aniversario do plebiscito do Estatuto de autonomía do 36, coa presentación en Santiago da Alianza Galeuscat, que contou coa presenza dos líderes do BNG, PNV e CiU e numerosa asistencia representativa do mundo social en Galiza.
Nos días 2 e 3 de decembro celébrase a XII Asamblea Nacional nun contexto moi definido pola posición do BNG como forza de goberno. Nesta Asemblea concorren catro listas para o Consello Nacional obtendo todas elas representación grazas aos mecanismos de democracia interna vixentes no BNG..

2007. En maio teñen lugar as eleccións municipais, nas que o BNG consegue 315.449 votos e 661 concelleiros e concelleiras. Este resultado tradúcese en 32 alcaldías e 37 cogobernos. O BNG consegue o maior número de representantes nas institucións locais da súa historia, sendo un indicador máis do reforzamento social da organización nacionalista. O avance da organización nestas eleccións maniféstase tamén no acceso ao cogoberno da deputación provinciais de Lugo.
A presenza do Bloque en Madrid vai supor un avance sen precedentes para situar a Galiza no lugar que lle corresponde no Estado, saldando parte da débeda histórica, desbloqueando a transferencia de competencia e conseguindo melloras orzamentarias significativas.

2008. Nas eleccións xerais de marzo o BNG obtén 212.543 votos o que lle permite manter a súa presenza nas Cortes do Estado e a posición inquebrantábel de defensa dos intereses galegos en Madrid.

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]