O PP oponse a que os ex directivos das Caixas devolvan as indemnizacións millonarias

Santiago de Compostela, 8 Maio 12.- O voceiro de Economía do G.P do BNG, Carlos Aymerich, lamentou hoxe que o PP desbotara unha nova oportunidade en pleno para reclamar o reintegro das indemnizacións satisfeitas aos ex-directivos de Caixanova e Caixa Galicia e impedir as previstas no futuro, os 33 millóns que aínda teñen que percibir cando cheguen á xubilación.

Carlos Aymerich acusou ao goberno do PP, en Galiza e no Estado, de aplicar a “Lei do Funil” e mentres aplica a parte estreita aos traballadores, aos que non recoñece os dereitos adquiridos con anterioridade á nova reforma laboral, reserva a parte ancha á banca, consentindo as ditas indemnizacións, “aquí si son dereitos adquiridos”, e saíndo ao rescate con cartos públicos da banca privada, como no caso de Bankia.

Para o deputado nacionalista, o que cómpre aplicar, sen embargo, é xustiza, co País e tamén cos afectados pola fraude das preferentes, que ven como non poden recuperar o seus cartos por unha “estafa orquestrada politicamente” mentres si se salva Bankia.

Solucións para os afectados polas preferentes

O parlamentar alertou do que lle aconteceu aos afectados por esta fraude na CAM, que seguen a espera dunha solución unha vez que esta entidade foi absorvida por Banco Sabadell, por iso amosouse favorábel á moción do PSdeG reclamando que calquera solución para o futuro de Nova Galicia Banco pase porque previamente estas persoas recuperen os seus cartos.

Aymerich ironizou coa “coincidencia” da iniciativa socialista cunha proposición non de lei que o BNG levou a un pleno anterior nos mesmos termos e defendeu unha emenda de adición, referida ás indemnizacións dos directivos e tamén a unha solución para o futuro de NGB.

Transferencia a Galiza das accións do FROB en NGB

Neste sentido, reiterou que antes da regalar esta entidade por un euro, “aínda non sabemos moi ben a quen”, se aplique o Estatuto de Autonomía e se transfira a Galiza as accións que actualmente ten o FROB na mesma.

“Do mesmo xeito que se fai un traxe a medida para salvar Bankia –engadiu- pedimos que tamén se deroguen a medida os sucesivos decretos leis, se transfira esa participación e se garanta a súa estabilidade”.

O deputado do BNG lembrou que hai escasos quince días o goberno aseguraba que non se ía pór en marcha ningún plan para respaldar os bancos privados e hoxe Rajoy xa anuncia unha partida de 10.000 millóns de euros para sanealos.

“Tamén o señor de Guindos –continuou- a finais do pasado mes de Abril dixo que o Goberno non ía crear ningún banco malo e hoxe xa é partidario de sociedades de liquidación de activos inmobiliarios da banca, que é un eufemismo deses bancos malos”.

Para o parlamentar, fica claro que o goberno está adaptando a súa actuación a determinados intereses, polo que insistiu en que Galiza necesita un trato de igualdade, pero non como simple frase feita, en alusión a Feijóo, senón que se concrete en medidas como as propostas polo BNG.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]