O BNG pide ao PP máis "vontade política" e menos "sumisión" e "codicia" na defensa da sanidade pública
Santiago de Compostela, 24 Abril 12.- A viceportavoz do G.P do BNG, Ana Luisa Bouza, acusou hoxe á Consellaría de Sanidade de falta vontade política para salvar o sistema sanitario público tal e como o coñecemos e, pola contra, lle sobra “sumisión”, “afán de lucro” e “codicia”, e de aí os novos copagos introducidos polo Ministerio e que a Xunta aceptou sen rechistar.
Ana Luisa Bouza reiterou que o sistema sanitario español é barato, eficaz e eficiente, só precisa mellorar os seus ingresos, pero a través de mecanismos xustos, advertiu, non introducindo un auténtico “imposto á enfermidade, que realmente é o que é o novo repago”.
4 Cafés = 12 barras de pan
A deputada nacionalista advertiu que o que para algún dirixente do PP son só catro cafés, para unha viuva, por exemplo, son catro barras de pan e asegurou que o afán disuasorio que supostamente persigue o novo “imposto” só vai conseguir que non vaia ao médico quen non pode pagar, non quen non estea enfermo.
“O mal uso vai seguir existindo, co agravante de que quen vai costear ese mal uso son os impostos de quen ten menos recursos, aqueles que si van evitar facer uso do seu dereito á sanidade por non poder pagala”.
Blindaxe e incumprimentos
Bouza preguntou á conselleira, Raquel Mosquera, onde quedou a suposta “blindaxe” da sanidade galega fronte a posíbeis recortes que se ía acadar grazas ao recadado coa Lei de racionalización do gasto farmacéutico.
Para a parlamentar, a coincidencia da comparecencia de Mosquera sobre a dita Lei coa publicación no BOE do Decreto sobre novos “repagos” semella unha “broma, se non fora tan grave”.
amplíase o copago ás próteses, cando vostede negou en sede parlamentar esta posibilidade, e se introduce tamén o repago no transporte, algo sobre o que BNG alertou en numerosas ocasións, sendo acusado de crear unha alarma innecesaria.
“Estamos ante un incumprimento evidente dos seus compromisos –reprochou a deputada- e dunha inxerencia competencial con este Parlamento. Gostarianos saber que dirían se estas medidas as adoptara un goberno de cor diferente á súa”, ironizou.
Gasto Farmacéutico
A parlamentar nacionalista lembrou que, efectivamente, o BNG votou a favor da Lei galega de racionalización do gasto farmacéutico pero porque existía o compromiso de reinvertir o aforro no sistema sanitario.
Estableceuse na lei unha disposición adicional segunda pola que ese aforro se ía reinvertir maioritariamente en atención primaria, “non se ía recortar, iase garantir o financiamento, mais a día de hoxe non sabemos onde foi ese aforro”.
A deputada criticou tamén que non se saiba nada do compromiso asumido pola consellaría para regular as visitas médicas, “non nos falou nada deste tema, levamos máis dun ano sen saber nada desta regulación, mentres que a presión das farmacéuticas sobre o persoal prescriptor continúa”.
Para Ana Luisa Bouza, a comparecencia da conselleira foi igualmente incompleta porque non falou do grao de utilidade das medidas para reducir o número de recetas emitidas e se hai un control axeitado das mesmas, que permita detectar fraudes, como si o hai e está funcionando moi ben na Rioxa, por exemplo.