O PP aposta por unha Lei de Montes "continuista" e sen consenso
A portavoz de Agricultura do BNG, Tereixa Paz pediu unha nova tramitación da lei a través dun texto alternativo apoiado polo sector
Santiago de Compostela, 24 de abril , 2012. Pleno- O Partido popular sacou adiante en solitario, o trámite do Proxecto de lei de Montes de Galiza na sesión plenaria que se está a celebrar, hoxe no Parlamento galego.
A portavoz de Agricultura e Montes do BNG, Tereixa Paz pediu a devolución do proxecto por carecer de medidas destinadas a potenciar economicamente o Medio Rural e acusou á conselleira Rosa Quintana de defender un texto que impide dimensionar e potenciar economicamente o medio rural.
Lei de Montes sen consenso
Paz reclamou unha nova tramitación da lei, a través dun texto alternativo que conta co apoio do sector, e contra o proxecto defendido polo Partido popular que na –súa opinión- “é continuista e sectario” ao rexeitar un texto alternativo que si conta co apoio do Consello Forestal de Galiza, sentenciou.
Neste sentido, considerou que a nova consolida medidas que xa provocaron a perda de 6.600 postos de traballo e a diminución da facturación, en 700 millóns de euros no 2010, no conxunto do sector forestal, polo que reiterou a súa revisión.
Mimosas e eucaliptos
A deputada criticou que a plantación de mimosas e proliferación de eucaliptos foran defendidos polo portavoz do PP Enma Álvarez Chao fronte ao fomento e medidas de impulso para unha nova política de aproveitamento do monte, “vostedes, -dixo-, abandonan a tutela administrativa do monte”.
Paz negou que a lei do PP contemple unha “regulación integradora” porque, ao seu xuízo, “a lei esquece un inventario e estratexia forestal de desenvolvemento sustentable do monte galego” e engadiu que tampouco se establecen prazos nin obxectivos para o Plan Forestal.
Sanidade vexetal
A nacionalista insistiu en que o Goberno galego “abandona a sanidade vexetal para loitar contra as pragas” e ironizou sobre esta cuestións asegurando que o Partido popular para rematar cunha praga dos eucaliptos, “fumigarán a todos os galegos cun produto prohibido pola U.E pola súa alta toxicidade”.
Finalmente, sobre a prevención de incendios asegurou que “o propio Consello Económico e Social reflicte que a previsión de distancias mínimas utilizadas poden representar un perigo” ao realizarse sen criterio nin valoración técnica polo que, novomanete, ofreceu aos deputados/as do PP tramitar a nova lei de Montes a través dun texto alternativo que conta co consenso do sector ao fin de que a nova lei responda á realidade e necesidades do monte galego.
Cumpre "vertebrar o medio rural e o espazo forestal dende a perspectiva económica, agraria, social e ambiental", concluíu.