A Xunta chama valente o novo recorte no ensino despois de 3 anos en que se suprimiron 1.000 prazas no profesorado
Carme Adán lembra que Galiza en tres anos xa suma máis de 400 ME de recortes, 1.000 profesores e 280 unidades de ensino público menos
Santiago de Compostela, 16 Abril 12.- A deputada do G.P do BNG Carme Adán lamenta que para a consellaría de Educación as medidas de axuste plantexadas hoxe polo ministro, José Ignacio Wert,na Conferencia Sectorial de Ensino sexan “valentes”, e asegurou que o valente sería prantarse antes as mesmas.
Carme Adán considera que a obriga do conselleiro Jesús Vázquez na reunión celebrada en Madrid era a de oporse firmemente a novos recortes, “non pregarse ás imposicións do Estado”.
A deputada nacionalista lembra que en Galiza, efectivamente, a situación é diferente á doutras Comunidades, pero non en positivo, como sostén o conselleiro, senón “porque nestes tres anos xa se recortou todo o recortábel en ensino público”.
Neste sentido, recordou que o balance de lexislatura é de 400 millóns de euros menos no orzamento, unha redución de máis de 1.000 profesores e a desaparición de máis de 280 unidades de ensino público.
Esta realidade, engade, fai impensábel asumir novas medidas de axuste sen que vaian en detrimento dun ensino público e gratuíto de calidade. “Ponse en risco a sostenibilidade do sistema, favorecendo a privatización da educación, que traerá consigo un incremento das desigualdades”.