O PP asume o "medicamentazo" e vota en contra dunha iniciativa do BNG para impedir que os recortes afecten a Galiza

Ana Luisa Bouza lamenta que se quiten 7.000 millóns de euros dos dereitos de saúde da cidadanía para darllos a Bankia

Santiago de Compostela, 8 Maio 12.- O PP consumou hoxe no Parlamento a súa aceptación sen reparos do “medicamentazo” imposto polo goberno do Estado e votou en contra dunha iniciativa do BNG que tentaba ser unha oportunidade para establecer unha barreira que impedise que os recortes aprobados en Madrid afecten aos galegos e galegas, tal e como demandan a propia cidadanía e os propios profesionais.

A viceportavoz nacionalista, Ana Luisa Bouza, defendeu en pleno unha proposición non de lei ante o que xa non é un rumor nin un anuncio senón unha realidade publicada no BOE, a do “medicamentazo”, coa que o goberno de Rajoy iniciou o proceso de demolición do sistema sanitario público tal e como o coñecemos.

“Quitamos 7.000 millóns de euros dos dereitos da saúde da cidadanía para garantir a continuidade de Bankia”, lamentou.

A deputada nacionalista advertiu ao grupo do PP de que a “pelota está do seu tellado” á hora de definir se están realmente en contra da introdución de novos copagos en Galiza ou se prefiren quedar en evidencia e demostrar que non teñen ningunha intención real de defender as competencias galegas ante a inxerencia do Estado.

Para a parlamentar, non é válido xustificar a “sumisión” ao goberno central co argumento de que “non podemos facer outra cousa” nin aprobar iniciativas no Parlamento, como no pasado pleno, en contra do copago cando realmente están a favor do mesmo pero “redefinen” as palabras para poder resultar críbeis.

Malia a boa vontade amosada por Ana Luisa Bouza de colaborar e incluso chegar a un acordo de transación, o PP finalmente preferiu rexeitar a iniciativa nacionalista, que  pretendía instar á Xunta a non repercutir os recortes nas partidas orzamentarias da sanidade pública galega nin aceitar os acordos do Consello Interterritorial que supoñan novas taxas ou copagos na sanidade pública galega.

“Tratabase de instar á Xunta a exercer como verdadeiro goberno do País”, engadiu, pois Galiza vai ser a Comunidade con máis poboación afectada polo “medicamentazo”, ao contar co número máis elevado de pensionistas, que cobran a pensións máis baixas do Estado, ademais, cuantías que en moitos casos serven para axudar a manter a boa parte deses máis de 276.000 galegos e galegas que están no paro.

Ana Luisa Bouza reiterou que o sistema sanitario deixa de ser universal para ser “perversamente contributivo”, pois non se renuncia ao financiamento vía impostos, que pagamos todos, pero si se restrinxe o grupo de poboación que vai recibir prestacións.

Asemade, advertiu de que a recentralización que se está a producir coas novas medidas van implicar maior burocratización, van empeorar a xestión e encarecer o sistema, facéndoo máis dependente da sanidade privada.

Finalmente, a parlamentar lamentou que boa parte dos servizos que se eliminan e dos fármacos afectados polo real decreto teñan a ver coa anticoncepción, que leva camiño de desaparecer da carteira da sanidade pública, “cecais como complemento do seu Plan de Revitalización demográfica”, ironizou.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]