O BNG cualifica de improcedente a petición do Valedor do Pobo de suspender a Lei de Dependencia

Santiago de Compostela, 3 Maio 12.- O Bloque Nacionalista Galego cualifica de totalmente improcedentes as declaracións do Valedor do Pobo, Benigno López, nas que aposta por supender a Lei de Dependencia, pois lembra que a súa función é a de velar precisamente porque as leis se cumpran non pedir a súa derogación.

O BNG lamenta que Benigno López confunda o seu papel e convirta a súa comparecencia no Parlamento para presentar o informe anual da Insitución nunha toma de partido político, a favor dos recortes e en contra dunha lei que ampara os dereitos sociais de milleiros de cidadáns.

A formación nacionalista considera moi grave o comportamento do Valedor, que o que tiña que facer na Cámara era explicar o grao de cumplimento do goberno das súas obrigas legais e expoñer as queixas dos cidadáns ao respecto.

A función de Benigno López, reitera o BNG, é garantir dereitos que están amparados por lei e ou por normas básicas, non pedir que se deroguen, e de querer facer outro tipo de valoracións terá que cinxilas ao seu ámbito persoal, de opinións privadas, pero nunca no exercicio das súas responsabilidades como Valedor.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]