Intenso traballo de Galiza Nova para que a folga do 10-M no ensino sexa masiva
Santiago de Compostela, 30 Abril 12. Galiza Nova vén de facer públicas as mobilizacións para o 10 de maio día da Folga Estudantil no ensino galego contra os recortes do PP.
Baixo o lema “o ensino é un dereito, non un privilexio” as mocidades nacionalistas están a realizar unha intensa campaña de repartos ás portas dos centros de ensino, así como de xuntas de delegadas/os e asembleas informativas. Iria Aboi afirma que “existe moita receptividade entre as mozas e mozos e están a ser conscientes da necesidade de mobilizarse para pararlle os pés ao PP”.
"O ensino é un dereito, non un privilexio", palabra de orde da campaña de Galiza NovaA organización xuvenil considera que esta xornada de Folga no ensino medio e universitario “é a primeira resposta contra unhas decisións socialmente inxustas que pretenden expulsar do ensino público ás fillas e fillos das traballadoras e traballadores”. Iria Aboi agoira unha Folga estudantil “masiva e un respaldo importante” ás mobilizacións convocadas nas 7 cidades galegas, así como en Vilagarcía, Burela e Verín. “Estamos a traballar para que haxa máis concentracións e agardamos facelas públicas nos vindeiros días”.
Galiza Nova tamén informa que delegadas e delegados da CIG participarán das convocatorias que ese día percorrerán as rúas de Galiza “porque estes recortes no ensino fan parte dun paquete de medidas máis amplo que fai pagar as consecuencias desta crise económica á clase traballadora e ao conxunto da sociedade”. Iria Aboi “fai un chamamento á participación para que as mozas e mozos galegos amosemos que non nos resignamos fronte un PP que pretende hipotecar o noso futuro”.
De seguido veñen indicados os lugares e horas das mobilizacións anunciadas por Galiza Nova e a organización estudantil Comités, para o día 10.
Ferrol, Praza 10 de marzo, 12 h
A Coruña, Praza da Palloza, 12 h
Santiago de Compostela, Praza do Toral, 12 h
Vilagarcía, Praza de Galiza, 12 h
Pontevedra, Subdelegación do Goberno, 12 h
Vigo, Praza de América, 12h
Verín, Praza do Concello, 12h
Ourense, Rúa Concello-Diante da Delegación Consellaría Educación, 12 h
Burela, Praza da Capitanía, 12h
Lugo, Praza do Seminario, 12h