Moi concorridas e participativas as asembleas comarcais con presenza dunha delegación da Executiva
Santiago de Compostela, 29 Abril 12. Unha afluencia moi numerosa de militantes e o alto nível de participación no debate están a ser os trazos definitorios da xeira de reunións da Executiva Nacional coas distintas asembleas comarcais en que se estrutura o BNG.
Nestas asembleas -ás que asisten o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, e o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, alén doutros membros da Executiva- estanse a analisar os retos e desafíos que o Bloque ten por diante na actual conxuntura política, caracterizada polo notorio desgaste do Partido Popular e pola reacción social ante a brutal política de recortes dos dereitos sociais e nacionais das galegas e dos galegos.
A única vía para derrotar o PP é o avanzo do Bloque Nacionalista GalegoEstá a ficar ben patente nestas reunións que o BNG é a única alternativa real ao Partido Popular, a única vía para materializar o cambio político que Galiza precisa.
CONTRA AS POLÍTICAS DE RECORTES
Única alternativa real porque só o BNG se opuxo desde o principio da crise á aplicación das políticas de recorte do gasto público que en todo o ámbito da Unión Europea practicaron tanto gobernos socialdemócratas -entre eles o do PSOE no Estado español- como conservadores.
O BNG advertiu desde o momento en que estourou a tamén chamada Grande Recesión que as políticas liberais só provocarían un maior estancamento da economía e unha maior destrución do tecido produtivo, coa conseguinte secuela en termos de destrución de emprego.
Estas políticas son letais para calquer territorio, mais sono aínda máis para economías periféricas e dependentes como a galega, polo cal a alternativa a elas só pode vir dunha forza política que alía a protección dos dereitos sociais coa defensa dos dereitos nacionais de Galiza.
É NECESARIO E É POSÍBEL DERROTAR O PP
Do debate das distintas asembleas celebradas até o de agora -O Salnés; Ferrolterra; Ourense; A Estrada-Deza; Pontevedra; O Morrazo e O Condado- tírase a conclusión de que a derrota política do PP non é só necesaria, senón que tamén é posíbel, dado o grao de contestación social que as súas políticas están a provocar entre as galegas e os galegos.
A chave para derrotar o PP pasa por reforzar as posicións do Bloque Nacionalista Galego, esa é a idea forza que resume as asembleas.
ESTA SEMANA: LUGO, VIGO, A CORUÑA E A MARIÑA
Esta semana está prevista a celebración das seguintes asembleas comarcais con presenza dunha delegación da EN:
Mércores 2. Lugo. 20 horas, no local do BNG. Estarán Guillerme Vázquez, Ana Pontón e Carlos Aymerich.
Xoves 3. Vigo. 20.15 horas, no Hotel Coia. Estarán Guillerme Vázquez, Carme Adán e Sandra González.
Venres 4. A Coruña. 20 horas, no instituto da Agra. Estarán Guillerme Vázquez, Francisco Jorquera, Ana Pontón, Carlos Aymerich e Ana Luísa Bouza.
Sábado 5. A Mariña, en Foz. 16.30 horas. Estarán Guillerme Vázquez e Carlos Aymerich.