O BNG presenta a súa proposta de creación dunha Banca Pública Galega

Santiago de Compostela, 26 abril 2012.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago, Xavier Vence presentaron esta mañá en rolda de prensa a proposta do BNG para crear unha Banca Pública Galega, un instrumento financeiro de éxito contrastado en moitos países avanzados, con pleno encaixe legal e que permitiría unha das graves consecuencias da crise: a falta de crédito ás empresas, coa conseguinte destrución de emprego.

Guillerme: “Feijoo fracasou rotundamente co proxecto de Novagalicia Banco”

O portavoz nacional do BNG, salientou que “fronte á desfeita financeira na que nos meteron, apostamos pola Banca Pública Galega”.

Guillerme denunciou que “a vía Feijoo está absolutamente fracasada e aínda non deu explicacións, sen aceitar unha comisión de investigación no Parlamento Galego como demandou o BNG e sen iniciativa algunha”. Neste sentido, afirmou que “habería que preguntarlle a Feijoo se mantén aquela alegre afirmación cando se constituíu Novagalicia Banco de que ganaran e esa entidade era a solución para Galiza”.

Unha proposta aberta ás outras forzas políticas e aos axentes económicos de Galiza

Fronte a este fracaso, Guillerme anunciou que “o BNG ofrécelle unha alternativa: Banca Pública Galega” e convidou ás forzas políticas de Galiza e tamén aos sectores económicos deste país, “que son os primeiros interesados en apostar por esta vía”. Non nos podemos limitar a contemplar como desaparecen as caixas galegas e o Banco Pastor.

Guillerme Vázquez e Xavier Vence salientan que é unha proposta contrastada, con éxito en países como Alemaña ou Suecia, e plenamente legal“Convidamos á sociedade galega a debater esta proposta e a pular por unha banca pública porque mellor nos iría”, subliñou Guillerme.

A alternativa elaborada polo BNG de creación dunha Banca Pública Galega.

Pola súa parte, o catedrático de Estrutura Económica da USC, Xavier Vence, contextualizou esta proposta “no fracaso da estratexia marcada polo goberno Central e o Banco de España na redefinición do sistema financeiro, pois seguimos cunha seca total de crédito por parte das entidades financeiras, unha situación que se vai agravar, e na emenda completa que lle fai ao Banco de España o Fondo Monetario Internacional, que advirte de que a reestruturación do sistema financeiro español aínda vai necesitar moita máis financiación pública”.

Neste sentido, Vence advertiu de que “non ten ningún sentido seguir desbaldando recursos públicos para cadrar as contas dunha banca privada que moita dela está en quebra técnica, e para finalmente quedármonos sen instrumentos de financiamento da economía e da sociedade”

Por iso, salientou que “o BNG fai unha aposta clara pola creación dunha nova ferramenta para o financiamento tanto das actuacións do sector público como da economía produtiva, que é a creación dunha banca pública”.

A banca pública está presente nas países con maior crecemento económico

Permitiría que o crédito chegase ás empresas, freando a destrución de emprego, e daría financiamento ás administracións públicasVence criticou que “no Estado español instalouse dende os anos 90 unha mentalidade neoliberal e entregada á idea de que a banca pública non tiña cabida no noso sistema económico”. Pola contra, salientou que “hoxe podemos constatar que outros países que economicamente lles vai moito mellor que a nós, seguen tendo banca pública e cunha gran implantación”.

Así, puxo como exemplo a Alemaña, que conta cunha amplísima rede de 410 entidades financeiras de capital público que dan fol financeiro para o funcionamento e expansión das pequenas e medianas empresas alemás. Ou outros países como Austria, Noruega e moitos dos países emerxentes que máis medran como Brasil, India, China ou Sudáfrica teñen unha potente banca pública.

A banca pública é necesaria para deter a destrución de empresa e empregos

Ademais, Xavier Vence advertiu de que “a economía produtiva non pode seguir estragándose máis e cómpre adoptar medidas, e unha das vías moi necesarias para deter a destrución de empresas e emprego é crear unha banca pública que garanta o fluxo básico de diñeiro á economía produtiva”.

Igualmente, esta nova entidade permitiría que “as administracións podan ter unhas vías de financiamento acaídas e non dependeren da volatilidade dos mercados”.

As dúas opcións que presenta o BNG

Vence explicou que para construír esta banca pública dende o BNG cremos que hai dúas opcións claras:

-A primeira é que a actual participación maioritaria, do 92%, que ten o FROB en Novagalicia Banco se converta nunha participación pública permanente e, a través desa vía, esa entidade que, na situación actual está condenada a ser absorbida a prezo de saldo por outra entidade española, convertela nun banco pública. Tamén pedimos que a representación dese capital público sexa transferida ás institucións galegas, e en particular á Xunta de Galiza. Dese xeito pasaría a ser unha entidade pública que garantiría a súa sede social en Galiza e, sobre todo, unha política produtiva ao servizo do tecido produtivo e do sector público galego.

-A outra opción é que se o Banco de España decida seguir a estratexia de desfacerse de NCG Banco pola vía dunha subasta, o BNG cre que o goberno da Xunta debería por en marcha unha estratexia alternativa para a configuración dunha banca pública. Cun volume de recursos que podería estar ao redor dos 500 millóns de euros, que poderían poñer en marcha unha entidade financeira de capital público con dimensión suficiente para poder cumprir unha función relevante dentro do sistema financeiro galego.

Xavier Vence concluíu subliñando que a creación dunha banca pñublica galega “é posíbel facelo, hai exemplos para iso, o marco lexislativo permite crear este tipo de entidades e cremos que é preciso tomar unha decisión política que dende o BNG queremos impulsar”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]