O BNG chama á mobilización social fronte ao medicamentazo do PP
Santiago de Compostela, 19 abril 2012.- O BNG chama á mobilización social contra uns recortes na sanidade pública anunciados polo goberno do PP que “atacan á parte máis feble da sociedade, e especialmente aos pensionistas, que en Galiza teñen precisamente unhas pensións das máis baixas do Estado”.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Sanidade no Parlamento Galego, Ana Luisa Bouza, compareceron esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela para amosar a oposición fronte do BNG a uns recortes na sanidade pública “que non van facer que pague máis o que máis ten, como minte o PP, senón que pagarán máis as persoas que teñan a mala sorte de enfermar. É un imposto á enfermidade”.
“A sanidade si que é sostible, pero quítanlle o diñeiro para adicarllo ao Exército ou á Igrexa"
Neste sentido, Ana Luisa Bouza subliñou que “o problema da sanidade pública non é de sustentabilidade, é de financiamento porque neste momento os gobernos do PP prefiren quitarlle diñeiro nos orzamentos públicos á sanidade para dedicarllo a outras cuestións como Defensa, Casa Real ou á Igrexa”.
Ademais, a deputada do BNG advertiu de que as medidas aprobadas onte polo Goberno do PP “en ningún caso responden ao principio de que pague máis quen máis ten, pois a sanidade págase con impostos e é aí onde debe contribuír máis o que máis ten”.
Pola contra, denunciou que “estas medidas constitúen un imposto á enfermidade e están dirixidas a que aumente o financiamento sanitario a través dos enfermos crónicos e dos xubilados, o que converte ao sistema sanitario en máis desigual e máis inxusto”.
Feijoo ten marxe para que o xubilados galegos non teñan que pagar un problema que eles non xeraron
Por outra parte, Ana Luisa Bouza non dubidou en cualificar estas medidas de “un ataque ás competencias do goberno galego, pois o gobernos anunciounas a través dunha nota de prensa e, posteriormente, convocou un Consello Interterritorial simplemente para repartir os recortes”, polo que demandou a Feijoo que “responda a esta inxerencia competencial coa mesma contundencia que cando non estaba Rajoy no Goberno”.
Pero ademais, a portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento Galego lembrou que “en exercicio das súas competencias o goberno galego ten capacidade de desenvolver eses recortes do Ministerio de Sanidade como máis lle interese e, polo tanto, agora está a pelota no tellado de Feijoo”. “Qué vai facer con esa imposición? Vai aceptar sen rechistar que os xubilados galegos teñan que financiar un problema que nin se xerou aquí nin xeraron eles?”, preguntouse.
Hai alternativas a estes recortes
Na mesma liña, subliñou que “o BNG entende que hai alternativa para mellorar o financiamento sanitario sen recorrer a un imposto á enfermidade”. E citou varias: reforma fiscal que mellore o financiamento dos servizos públicos; racionalizar o gasto farmacéutico; extensión ao resto do Estado do Catálogo Galego de Fármacos; mellorar a prescrición distribuír os fármacos a través de unidoses para evitar a acumulación de medicamentos.
“É o momento da mobilización social”
Ante estes recortes a parlamentaria nacionalista anunciou que “para o BNG é o momento da mobilización”. “A cidadanía -advertiu- non pode ficar de brazos cruzados ante este novo recorte que vai afectar ás capas sociais máis necesitadas dunha sanidade gratuíta, universal e de calidade”.
Neste sentido, anunciou que o BNG vai por en marcha unha campaña específica do que vai supor nas súas vidas e economías este novo recorte, “e tamén é o momento da mobilización a través das plataformas en defensa da sanidade pública”. Igualmente anunciou a presentación de diversas iniciativas no Parlamento Galego e que a pregunta ao presidente no próximo pleno da semana que ven irá dirixida a saber “se a Xunta vai asumir de xeito submiso os recortes en sanidade e educación do Goberno Central ou se ten algo máis que dicirlle aos galegos e polo tanto que non é un servo obediente de Rajoy”.
Guillerme: “O obxectivo do PP é privatizar a sanidade pública”
Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG asegurou que “este mediamentazo pretende medir o grao de aceptación social, de resignación da xente fronte a esta decisión”. “Porque o obxectivo final do PP -advertiu-, e tamén dos mercados, é acabar co sistema sanitario público, fomentar o sistema privado e camiñar a un sistema dual, cun de beneficencia para a maioría, e outro para quen o poda pagar”.
Ademais, Guillerme denunciou que “afectará aínda máis negativamente a Galiza, porque contamos con maior número de pensionistas e con pensións máis baixas que a medida estatal”.
O Estado dedicará este ano 28.000 millóns a pagar os xuros da débeda aos especuladores financeiros, fronte aos 11.000 millóns que dedicará a gasto farmacéutico
Porén, o portavoz nacional do BNG aproveitou tamén para explicar que “estes recortes sanitarios derívanse da aceptación por parte do PP deste modelo económico ao servizo dos especuladores”.
Así, Guillerme lembrou que neste momento dos orzamentos do Estado de 2012 “nada menos que se contemplan 28.000 millóns de euros para o pago dos intereses abusivos da débeda, cando o gasto farmacéutico en todo o Estado está en 11.000 millóns”.
“Rajoy opta por saquear ao pobo para satisfacer aos especuladores financeiros”, concluíu Guillerme