"Os asesores de Feijóo deberían dicerlle que hai banca pública até nos EUA"

“A Banca Pública Galega é a única alternativa”, di JorqueraSantiago de Compostela, 10 Maio 12. O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, replica a Feijóo que pedir para Novagaliciabanco o mesmo trato que vai recibir Bankia é tanto como “comprar todos os números” para que o aforro galego se privatice a prezo de saldo.

Jorquera fai estas declaracións, através desta nota de imprensa, despois de que hoxe Feijóo, logo do Consello da Xunta, descualificase a proposta do BNG de criación dunha banca pública galega.

“A nacionalización de Bankia vai ser unha estafa para os contribuíntes. Aquí o que se vai facer é sanear o banco con cartos públicos para logo devolvelo ao sector privado a prezos irrisorios. Un negocio ruinoso para a Facenda pública e un regalo para os tiburóns financeiros”, analisa Jorquera, para quen “se Novagaliciabanco recibise o mesmo trato de Bankia por parte do Estado, tal e como pide Feijóo, entón estaríamos entregando o aforro galego a prezo de saldo”.

Feijóo limítase a descualificar a proposta do BNG, pero sen pór ningunha alternativa sobre a mesa, denuncia o candidato nacionalista á presidencia do Goberno galego.

Feijóo, sen alternativas

“Un presidente ten de liderar o País. Non se pode limitar a comentar o que fan ou din os demais. El non é un analista da actualidade. É o xefe do Executivo galego”, di Jorquera, para quen resulta “cínico” que o presidente da Xunta diga agora que non ten competencias sobre o sistema financeiro galego. “Non as ten porque el asinou a bancarización da caixa resultante da fusión. Foi el quen renunciou a telas. E renunciou a telas porque non acredita nas potencialidades do noso autogoberno”, razona Jorquera.

“Feijóo di que a banca pública nin é actual nin é occidental. En fin, os seus asesores deberíano informar mellor. Hai banca pública até nos Estados Unidos, que creo que non están en Oriente, e na mesmísima Alemaña da señora Merkel hai máis de 400 bancos públicos, os bancos dos lánders, que constitúen o grupo financeiro líder do país tanto na captación de depósitos como na concesión de créditos”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]