Jorquera: "O BNG oponse ao uso de cartos públicos para rescatar á banca privada como Bankia"
Madrid, 7 Maio 2012. O portavoz do BNG no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, manifestou a “rotunda oposición do BNG a utilizar recursos públicos para rescatar bancos privados”.
Jorquera fixo estas declaracións con motivo do anuncio realizado polo Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, nunha entrevista radiofónica na que dixo que se ía inxectar diñeiro público en Bankia, e que motivou a demisión do actual Presidente de Bankia, Rodrigo Rato.
Engadiu que “nun contexto de masivos recortes que padecen sobre todo as maiorías sociais máis desfavorecidas, non se entende que se usen fondos públicos para acudir ao rescate de bancos privados”. Jorquera considera que a intervención pública de bancos privados debería conlevar a súa nacionalización para constituir unha banca pública”.
O deputado do BNG sinalou que en lugar de destinar os fondos públicos a afortalar o Estado de Benestar, se adican á recapitalización da banca privada. Criticou os recortes en servizos públicos esenciais, en política social, en materia laboral, para ao final “ter que acudir a salvar á banca privada”.
Francisco Jorquera subliñou que as políticas de recortes están a detraer recursos públicos ao Estado de Benestar, pero “vemos con estupor como se acude a salvar aos bancos privados”.