A Banca Pública Galega interesa ás maiorías sociais, ás pemes e ás e aos aforradores
Santiago de Compostela, 7 Maio 12. O Bloque Nacionalista Galego apresentou hoxe á Confederación Intersindical Galega a súa proposta de criación dunha Banca Pública Galega, no que constituíu a primeira dunha xeira de contactos que a formación nacionalista terá con distintos axentes sociais do País para darlles traslado desta iniciativa.
A apresentación produciuse no marco dun encontro de delegacións de ambas organizacións nacionalistas, encabezadas polo portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e da que fixeron parte pola CIG Clodomiro Montero, Elvira Patiño e Margarida Corral -das secretarías de Finanzas, de Organización e de Muller e Mocidade, respectivamente- e polo Bloque a secretaria de Organización, Montse Prado, e o membro do Consello Nacional Xavier Vence. Guillerme Vázquez e Suso Seixo compareceron, ao termo da reunión, perante os meios para dar conta do tratado.
O BNG empraza a PP e a PSOE a que se pronuncien sobre a súa proposta de criación dunha Banca Pública Galega"A criación da Banca Pública Galega interesa ao País, interesa ás súas maiorías sociais, ás pequenas e medianas empresas e tamén ás e aos aforradores", afirmou no acto informativo o portavoz nacional, quen emprazou formalmente a PP e a PSOE a que se pronuncien a respeito desta proposta do Bloque.
"VOLTAMOS NÓS A TOMARMOS A INICIATIVA"
"Voltamos nós a tomarmos a iniciativa para garantirmos a existencia dun sistema financeiro galego", dixo o líder do BNG, quen a seguir fixo a reflexión de que sen autonomía financeira a autonomía política vira en letra morta.
A Banca Pública Galega é a única alternativa a que se entregue Novagaliciabanco á banca privada a prezo de saldoA respeito das dúbidas que desde algúns sectores se teñen expresado verbo da viabilidade desta proposta, Guillerme foi moi claro: "Cartos públicos hainos a esgalla. Con eles temos dúas opcións: ou os inxectamos na banca privada para que continúen coas súas actividades especulativas ou, pola contra, os empregamos nunha aposta decidida pola banca pública, no noso caso pola Banca Pública Galega".
A banca pública é fundamental para reactivar a economía, dado que o sector financeiro privado non ten o menor compromiso coa economía produtiva. Os bancos privados utilizan os seus cuantiosos recursos ou ben para aminorar as súas débedas ou ben para os investir en actividades especulativas, do estilo de mercar débeda pública. Daí que a Banca Pública Galega sexa básica "para que o crédito volte a fluír" e as pequenas e medianas empresas "podan voltar a ter actividade e a criar emprego".
A SORTE DE NOVAGALICIABANCO XA ESTÁ BOTADA
Guillerme ve a criación da Banca Pública Galega como única alternativa ante a evidencia de que "a sorte de Novagaliciabanco" xa estea botada, como o BNG veu advertindo desde hai meses. O plan, explicou, é entregala a prezo d de saldo á grande banca. Se se está a demorar o desenlace é exclusivamente para evitar a imaxe de que Feijóo, en período preeleitoral, apareza como "enterrador" da entidade.
Cartos públicos hainos a esgalla. Inxéctanse na banca privada. Por que non se empregan para criar Banca Pública?, perguntouse GuillermePara o líder do BNG, o aforro das galegas e dos galegos debe ir a financiar a economía produtiva do País. Manifestou a súa convición de que a grande maioría das galegas e dos galegos apostarían como aforradores pola nova banca pública galega. "Evitaríamonos ademais espectáculos como os das indecentes indemnizacións multimillonarias dos directivos", dixo.
Por súa parte, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, parabenizou o BNG por ter a "valentía" de formular esta proposta.
Seixo aludiu ao corralito galego e ao drama das miles de familias deste País que viron secuestrados os seus aforros nas participacións preferentes. "A Banca Pública Galega sería para os aforradores particulares a mellor garantía de que este tipo de cousas non voltasen a acontecer nunca", razoou.
Dado que o sistema financeiro privado non está á altura das circunstancias, engadiu Suso Seixo, faise máis preciso que nunca a criación dunha Banca Pública Galega que dea canalizado os recursos financeiros cara á economía produtiva.