Jorquera levará este mes ao Congreso a conversión de NCG Banco nun banco público galego

Pontevedra, 5 de maio 2012.- A Casa das Campás de Pontevedra acolleu esta mañá un acto público no que o candidato á presidencia da Xunta de Galiza e portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera presentou as propostas e alternativas do Bloque Nacionalista Galego para a reforma do sistema financieiro e a decidida e necesaria aposta pola banca pública. Fíxoo ante un auditorio composto polo tecido social e empresarial da cidade, e acompañado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo catedrático de Economía aplicada da USC, Xabier Vence.

A súa intervención partiu da análise das causas da crise económica e as súas consecuencias actuais, para chegar a concluír o necesario cambio de modelo, achegando unha alternativa que pasa por unha banca de carácter pública xestionada con criterios de país.

“Chegamos a esta situación pola falta de tutela real e efectiva sobre o sector financeiro”

“A crise económica orixinouse no sector financieiro. Froito da súa excesiva concentración, e volcado en actividades produtivas de alto risco totalmente desvencelladas da economía real e productiva”, resumiu Jorquera, quen apostillou que o sector financieiro puido executar esta forma de xestionar debido “á falla da tutela real e efectiva sobre as actividades do sector”.
“Rajoy alimenta aínda máis as causas que provocaron a crise do sector financeiro”

Jorquera subliñou que “no Estado español, o principal problema non é a débeda pública, senón o altísimo nível de endebedamento privado, da banda privada, que está asfixiando a moitas empresas e dificulta a creación de emprego ao non poder acceder á financiación”, explicou o candidato á Xunta, quen criticou que o Goberno de Mariano Rajoy o que está a facer “son políticas que acentúan as causas que provocaron a crise no sector financieiro: privatizar o sector, concentralo aínda máis e empregar os recursos públicos para que o conxunto da sociedade asuma o custe das perdas orixinadas do sector financieiro”.

“É estratéxico que o aforro dos galegos revirta en Galiza”

Partindo desta base no conxunto do Estado, “dende o BNG pensamos que para Galiza perder institucións financieiras propias supón darlle un tiro de gracia á súa economía. Para todos os países, e para Galiza en concreto, é estratéxico que o aforro dos galegos revirta no progreso do país, investindo en favorecer o desenvolvemento do país e non en drenar economicamente a outros territorios”.
Jorquera afirmou que Galiza atópase na tesitura de escoller entre “guate-mala e guate-peor”. A primeira sería “que Nova Galicia Banco sexa marca propia con sede en Galiza, pero o capital maioritario o adquiran fondos de investimento foráneos, de feito, fálase dun fondo de inversión americano, que provocaría que as estratexias financieiras se rexerían por outros criterios que non sería o desenvolvemento de Galiza”.

E a outra opcion “é a subasta a prezo de saldo para que a adquira un banco privado”. Francisco Jorquera fixo mención a unhas declaracións públicas de Botín, presidente do principal grupo bancario do Estado español, que “anticipaba que a solución final será a subasta e o interese do Banco Santander en adquirir esta marca porque é moi apetitosa”. “Isto suporía -advertiu´- que Galiza perdería as instuticións financieras e que o aforro dos galegos sexa expoliado, expatriado”.

Ante esta situación, Francisco Jorquera asegurou que “a aposta do BNG é crear en Galiza unha banca pública, e transformar a NovaGalicia Banco nun banco público galego”. “E para adoptar unha decisión tan capital para o futuro de Galiza e dos galegos só fai falla unha cousa: vontade política”, subliñou convencido.

A solución: Banca Pública Galega

O candidato do BNG á presidencia da Xunta explicou que “nestes momentos o capital maioritario de NovaGalicia Banco é público porque está intervido polo FROB que achega grande parte do capital. O BNG aposta por consolidar esta participación pública, por aumentar o seu periodo de vixencia e se consolice no tempo”. Ademais, esta decisión política tamén debería ter reflexo na composión dos órganos diretivos e xestores de NovaGalicia Banco. De feito, “se as Comunidades Autónomas tamén son Estado e son as que teñen competencia en caixas de aforro, esa representación pública nos órganos xestores pode delegarse nunha representación institucional propia de Galiza para que sexa un banco de titularidade e obediencia galega. Só hai que cambiar a normativa vixente pactada polo PP e o PSOE para a reestructuración do sector bancario”.

Iniciativa no Congreso para que NCG Banco se convirta nun Banco Público Galego

Concluíu Francisco Jorquera que “o BNG vai defender este mesmo mes no Congreso, unha proposición de lei para que se reforme a normativa vixente que permita a conversión de NovaGalicia Banco nun banco público e galego. Porque é vital para Galiza, para a financiación da económia productiva, para o financiamento das nosas empresas, e para evitar o expolio do noso aforro e asegurar que o aforro dos galegos revirta no desenvolvemento de Galiza”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]