Jorquera critica a falta de compromiso de Feijoo e Rajoy co sector naval galego

Vigo, 4 de maio 2012.- O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, advertiu hoxe de que mentres que no pasado mes de abril o paro baixo lixeiramente no conxunto do Estado, en Galiza seguiuse destruindo emprego e lembrou que “durante o goberno de Feijoo a taxa de paro no noso país pasou do 14% ao 20%” da poboación activa.

Jorquera reuniuse esta mañá co Comité de Empresa de Barreras, un estaleiro afectado duramente pola paralización do tax-lease, ao igual que outros moitos da ría de Vigo e que está a provocar a destrución de miles de postos de traballo.

Con Feijoo na Xunta Galiza é lider do Estado na destrución de emprego

A este respeito, o candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza asegurou que “se ben no conxunto do Estado os datos son preocupantes, porque aínda que se produce unha caída moi leve no número de parados rexistrados, que obedece exclusivamente a razóns estacionais polas contratacións de semana santa, é moito menor que en abril do ano pasado, en Galiza a situación é moito peor”.

Así, Jorquera advertiu de que “Galiza non só non rexistra unha leve baixada do paro en abril senón que segue subindo, seguindo unha tendencia de que no noso país dende hai tempo o desemprego sobe por riba da media do Estado”.

Neste sentido, lembrou que “cando Feijoo chegou á presidencia da Xunta de Galiza a taxa de paro era no 14%, e agora a taxa no noso país é do 20% e iso nun pais cunha das taxas de actividade máis baixas de Europa e que segue sufrindo a sangría da emigración”.

Jorquera subliñou que “estas son as consecuencias das políticas da dereita, dos seus recortes e da reforma laboral”. Por iso, salientou que “é imprescindíbel un cambio de rumbo, outras políticas para atacar as causas que provocaron esta crise e para atender ao que para o BNG debe ser o primeiro obxectivo do goberno: a xeración de emprego, que non se consigue para nada coas políticas de recortes”.

“Para o goberno de Feijoo e o de Rajoy a crise do sector naval non é unha prioridade política”

Sobe a reunión co Comité de Empresa de Barreras, o candidato nacionalista á presidencia da Xunta asegurou que “constatamos que compartimos no substancial a visión sobre os problemas que afectan ao sector naval, que padece unha situación crítica á que se non lle poñemos remedio de inmediato pode por en perigo a propia existencia do sector en Vigo e en Galiza”.

Jorquera dixo que esta situación “é froito de decisións políticas”. Explicou que “na Unión Europea hai unha batalla por facerse co mercado que tiñan os estaleiros galegos e iso é o que se agocha detrás da suspensión do tax-lease, o interese por parte dunha serie de Estados da UE por facerse coa cota de mercado dos estaleiros galegos”.

“E isto -advertiu- só se pode resolver con presión política por parte da Xunta de Galiza e do goberno español, conferíndolle ao sector naval a importancia estratéxica que ten e demandando unha solución favorábel aos nosos intereses”.

Porén, Jorquera lembrou que “o BNG con insistencia levou este problema aos distintos parlamentos nos que temos presenza e incluso no Congreso dos Deputados observamos que non se asume a situación límite na que está o sector naval como unha prioridade estratéxica por parte do Goberno Central e, polo tanto, que se teña unha posición de firmeza nas negociacións con Bruxelas”.

Esixe a dimisión do Valedor do Pobo

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, demandou hoxe a demisión do Valedor do Pobo tras as declaracións feitas onte no Parlamento Galego “que fan que hoxe moitos galegos e galegas sintamos vergoña de ter este valedor, indigno do pobo galego”.

Jorquera asegurou que “Galiza ten un Valedor do Pobo que se preocupa de todo menos de defender ao pobo galego”. Así, recoñeceu que “onte moitos galegos e galegas sentimos vergoña de ter un valedor do pobo galego que en cámara parlamentaria fixo unha encendida defensa das políticas de recortes e defendeu a suspensión da Lei de Dependencia”.

A este respecto, o candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza lembrou que “estas son valoracións políticas que a el non lle corresponden e, ademais, el como Valedor do Pobo ten que preocuparse de defender os intereses do pobo e non facerse valedor, altavoz, das políticas que dictan os grandes poderes económicos e a dereita”.

Por iso, Francisco Jorquera anunciou que “en nome do BNG esixo a demisión inmediata deste señor porque non é digno do pobo galego”.

“O pobo galego -concluíu- non pode ser defendido por este señor e o BNG vai esixir a súa demisión no Parlamento Galego e en todas as institucións nas que temos presenza”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]