Jorquera no 1º de maio: "Rajoy e Feijoo empobrecen á sociedade para tapar os buratos dos bancos"

A Coruña, 1 maio 2012.- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados e candidato á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, advertiu hoxe de que as políticas de recortes que están a aplicar os gobernos de Rajoy e Feijoo “só teñen como obxectivo quitarlle diñeiro ás clases medias e baixas para tapar os buratos dos grandes bancos”.

Jorquera fixo estas declaracións esta mañá na Coruña antes de participar na multitudinaria manifestación da CIG con motivo do Primeiro de Maio.

O portavoz nacionalista subliñou que se o 29 de marzo “centos de miles de galegos e galegas saíron ás rúas para contestar a contrarreforma laboral aprobada polo Goberno Central, un mes despois hai máis motivos aínda para que a sociedade galega faga ouvir a súa voz”.

Así, denunciou que un mes despois “o paro está acadando cifras escandalosas, e en Galiza xa hai máis persoas que non traballan das que teñen un traballo; e asistimos a un ataque sen precedentes aos servizos públicos como a educación ou a sanidade, ao tempo que Goberno do PP xa anuncia vai subir o IVE no ano 2013, ao tempo que aproba unha amnistía fiscal para os defraudadores”.

“As políticas do Goberno do PP só conducen e máis paro e máis crise”

Ademais, o candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza afirmou que “cada vez hai síntomas máis evidentes de que as políticas de recortes postas en marcha tanto polo goberno de Feijoo como polo de Rajoy só conducen a crear máis crise, a crear máis paro e a empobrecer cada vez máis ás clases medias e ás clases baixas”.

Neste sentido, Francisco Jorquera denunciou que estas políticas de recortes do PP “non serven para controlar o déficit público, o único para o que serven é para recortar capital público, capital de todos, e para recortar rendas das clases medias e baixas para tapar o burato dos grandes bancos”. “Iso é o que se agocha detrás desas políticas do PP”, advertiu.

E fronte a estas medidas, o candidato do BNG á presidencia da Xunta subliñou que “si hai outras políticas posíbeis, como as que defende o BNG, que poñen por diante os intereses da xente, do pobo galego, fronte aos intereses dos bancos, aos que si están supeditadas as políticas dos gobernos de Feijoo e Rajoy”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]