O BNG denuncia que o PP quere pecharlle a universidade aos fillos das clases populares

Ferrol, 20 abril 2012.- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados e candidato á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, non dubidou en cualificar de “brutais” os recortes no ensino público anunciados polo goberno do PP e advertiu de que “o único que perseguen é pecharlle a universidade aos fillos das clases populares”.

Durante unha rolda de prensa esta mañá en Ferrol, Francisco Jorquera afirmou que estes novos recortes “demostran que o PP está a facer do incumprimento o seu comportamento desde que asumiu o goberno no Estado”.

Así, lembrou que “cando o PP estaba na oposición no Estado fixo bandeira da necesidade de mellorar a calidade do ensino e agora atopámonos cunha suba brutal das taxas universitarias, cunha redución drástica das bolsas para os estudantes e cun incremento do número de alumnos por aula do 20% e cunha redución do número de profesores”.

O candidato do BNG á presidencia da Xunta denunciou que este novo recorte “súmase aos continuos ataques do PP ao sistema de benestar”.

Unhas medidas do goberno de Rajoy e tamén do de Feijoo que, segundo Jorquera, “pretenden converter os servizos públicos, como a sanidade e a educación, en servizos asistenciais, para que os sectores sociais con cartos subscriban unha mutua sanitaria privada e leven os seus fillos ao ensino privado”.

Por iso, advertiu de que con estes recortes ao ensino público o goberno do PP “adopta un modelo universitario elitista, pechando a universidade aos fillos das clases populares”.

Ante este escenario, Jorquera anunciou que “estas medidas van ter a oposición sistemática e rotunda do BNG”.

Iniciativas no Parlamento Galego

O BNG tamén levará as súas denuncias sobre este ataque á calidade do sistema universitario ao Parlamento galego, a través dunha batería de iniciativas tanto de control como de impulso para garantir o mantemento da igualdade no acceso ao ensino superior.

A través do seu deputado Carlos Aymerich, o grupo nacionalista reclamará que a Cámara inste ao goberno da Xunta a incrementar o financiamento público destes estudos até acadar a media estatal en 2015 e a da UE no 2020.

Asemade, demandará que non se incremente o prezo das matrículas por riba do incremento do IPC e que mellore substancialmente a dotación das bolsas de axuda ao estudo así como dotar ao conxunto do SUG de servizos como os residenciais, que contribúen eficazmente á igualdade no acceso e na permanencia na Universidade.Aymerich lamenta, ante as medidas adoptadas polo ministro Wert, a actitude “sempre servil” do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o seu intento de desviar cara os reitores a responsabilidade dunha medida “que ten un selo claro: o do Partido Popular”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]