O BNG advirte de que a Lei de Montes do PP "reduce a protección fronte aos incendios forestais"

Santiago de Compostela, 12 abril 2012.- O BNG advirte de que a nova Lei de Montes elaborada polo goberno do PP e que se debaterá proximamente no Parlamento Galego “reduce a protección da poboación fronte aos lumes forestais”.

Así o afirmaron esta mañá en rolda de prensa a portavoz de Medio Rural do BNG, Tereixa Paz, e o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, que aproveitaron para presentar o texto alternativo elaborado polo BNG e a emenda de devolución á lei do Goberno de Feijoo.

Tereixa Paz lembrou que o texto presentado polo goberno do PP “non responde aos retos e necesidades do sector forestal galego e non resolve os problemas estruturais do monte galego” como son que, malia ocupar o 70% do territorio da Galiza “é un espazo carente de ordenación polo abandono do medio rural e no que se favoreceu a propagación de especies de crecemento rápido”. A isto engádeselle o problema da estrutura da propiedade, que se reparte entre as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) e uns 700.000 propietarios forestais, que teñen unha media de 2,5 hectáreas repartidas nunha media de 10 parcelas.

“O proxecto de lei do PP non da resposta aos problemas estruturais e aumenta a desprotección fronte aos lumes”

Unha situación de abandono, falta de ordenación e proliferación de especies pirófitas que “crean o caldo de cultivo perfecto para os incendios forestais”.

Porén, segundo denunciou a portavoz de Medio Rural do BNG “a lei presentada polo goberno da Xunta non só non mellora situación de Galiza a este respecto senón que mesmo da pasos atrás”.

E é que, segundo criticou “o único obxectivo desta Lei de Montes elaborada polo goberno do PP é o desmantelamento da Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza promovida polo BNG dende o anterior goberno da Xunta”.

Redúcese a distancia mínima entre o monte e as vivendas

E segundo advertiu, isto faise a través de dous aspectos que desprotexen ao conxunto da cidadanía. Por un lado está a redución drásticas das distancias mínimas entre as explotacións forestais e as vivendas, explotacións gandeiras e diversas instalacións. Así, Tereixa Paz denunciou que “pode haber un eucaliptal a 30 metros á porta da casa, o que significa que poden ter un material altamente combustíbel a esa distancia, e mesmo para instalacións como gasolineiras se reduce a distancia de seguranza”.

En segundo lugar, a deputada do BNG criticou que no tocante á ordenación do monte “con esta lei derógase a obriga de establecer discontinuidades no monte, co que volvemos permitir un cultivo indiscriminado de miles de hectáreas de monocultivo forestal.

A este respeito, subliñou que “todo o mundo sabe que as discontinuidades nas plantacións son determinantes para que os incendios non se estendan e sexa máis fácil apagalos, e isto vímolo no lume das Fragas do Eume onde as fragas permitiron apagar o lume que se propagaba dende os eucaliptais”.

“O Goberno do PP entrega o monte galego aos grandes capitais”

Ademais, Tereixa Paz advertiu de que “estamos perante unha Lei de Montes na que a Xunta deixa en mans da iniciativa privada toda a responsabilidade de planificación do monte e mesmo se pon fora en cuestións administrativas en relación cos montes veciñais”.

“Polo tanto -incidiu-, estamos ante unha renuncia da Xunta de realizar toda política de desenvolvemento rural e forestal, deixándoa exclusivamente en mans da iniciativa privada” e puxo como exemplo que “se consolida un modelo de agrupación de propietarios forestais que deixa fora aos propietarios e que fía todo aos grandes capitais que queiran investir no monte”.

Por último, a deputada do BNG denunciou que a Lei de Montes do goberno de Feijoo “afonda nunha liña xa iniciada polo PP nesta lexislatura de que todo o territorio galego sexa susceptíbel de explotar para especies forestais de aproveitamento rápido, sen ningún criterio de sustentabilidade nin de creación de valor”.

Guillerme: “O PP concibe o monte galego como un negocio para uns poucos”

Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, criticou que “o PP volve concibir o monte galego como un negocio para uns poucos”.

Neste sentido, recomendoulle ao goberno da Xunta que “aprendan dos erros do pasado, e non fagan apostas curtopracistas, e teñan en conta ás comunidades de montes veciñais”.

Por último, Guillerme afirmou que “en Galiza non é que exista máis incendiarios que na media, senón haberá que afrontar os problemas de fondo, como é a falla de poboación no medio rural e a posta en valor do noso monte, e iso non se resolve co endurecemento das penas aos incendiarios”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]