Jorquera: "Se Feijoo non esixe a dimisión de Conde Roa será compracente coa fraude fiscal"

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados acusa a Luis de Guindos de “facer trampa para favorecer o copago na sanidade, porque o que lle ten que esixir o ministro a Botín é que pague máis a Facenda e que non teña contas en Suíza”

Santiago de Compostela, 9 abril 2012.- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados e candidato á Xunta, Francisco Jorquera, demandoulle hoxe a Feijoo que “esixa a dimisión inmediata de Conde Roa como alcalde de Santiago, porque do contrario teremos que concluír que Feijoo é compracente con delitos tran graves como a fraude fiscal á Facenda pública”.

A preguntas dos xornalistas, Jorquera lembrou que “o BNG foi a primeira forza política en esixir ao señor Conde Roa a súa inmediata dimisión e o BNG demanda ao señor Feijoo que cese nos seus cargos no PP ao señor Conde Roa e esixa a súa dimisión inmediata como alcalde de Santiago”.

Ademais, o deputado a candidato do BNG recordou que “o señor Feijoo presume que el pode admitir que membros do seu partido metan a pata pero que non pode admitir que metan a man”. “Pois ten agora -subliñou- unha perfecta oportunidade para demostralo”.

“Esperemos que este caso a a amnistía fiscal aos defraudadores non indiquen que o PP é compracente co fraude á Facenda Pública”

Francisco Jorquera denunciou que “o que fixo o señor Conde Roa é totalmente inadmisíbel por parte de calquera cidadán e máxime se ostenta un cargo público da importancia de ser alcalde de Santiago”. “Polo tanto -concluíu-, Feijoo ten que esixir a súa dimisión inmediata, e se non o fai o que concluiremos é que é compracente con prácticas delictivas tan graves como defraudar a Facenda Pública”.

En relación a este feito, o deputado e candidato do BNG lembrou que “esta mesma semana sométese a votación por parte do Goberno no Congreso dos Deputados un decreto-lei de medidas urxentes en materia tributaria que, entre outras cousas, contempla unha amnistía fiscal que premia aos defraudadores e mesmo os exime de calquera responsabilidade penal”.

Neste sentido, advertiu de que “a suma de ambos feitos gustaríanos que non fose un claro síntoma de actitude total e absolutamente compracente do PP cunha práctica que hai que extirpar como é defraudar á Facenda pública”.

Jorquera acusa a De Guindos de facer trampa

Por outra parte, e a preguntas dos xornalistas sobre o anuncio do ministro de Economía e Competitividade de instaurar o copagamento na sanidade para as rendas altas, Francisco Jorquera retrucou que “o señor de Guindos fai trampa porque apela á progresividade para xustificar medidas que atentan contra un principio básico do estado do benestar como é que os servizos públicos deben ser universais e gratuítos”.

Pola contra, o portavoz do BNG respondeu que “a progresividade hai que establecela no sistema impositivo, esixindo un maior esforzo fiscal a quen máis ten, ás rendas altas, e que persiga e penalice realmente a fraude fiscal para que a través do sistema impositivo se garanta a prestación universal e gratuíta de servizos como a sanidade ou a educación”.

“O que ten que esixir o Goberno a Botín é que pague máis á Facenda e non teña contas en Suíza”

Ademais, Jorquera criticou que “o exemplo ridículo de De Guindos hoxe pola mañá, de que non é xusto que o señor Botín se vai á sanidade pública non se lle cobre e lle saia gratis”. “Confúndese o ministro: o señor de Guindos o que ten que esixir é que o señor Botín contribúa máis á Facenda Pública e o que ten que facer é adoptar medidas para penalizar que a familia do señor Botín teña contas en Suíza”, retrucou o político nacionalista.

O portavoz no Congreso e candidato do BNG á Xunta advertiu de que “o que non se pode é facer trampa como fai o señor de Guindos para preparar o terreo para un recorte nas prestación universal e gratuíta dos servizos públicos como está a facer o Partido Popular neste momento”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]