Jorquera afirma que "o BNG non practica o oportunismo político, pero xa advertimos do perigo de descoidar a prevención"

Monfero, 1 abril 2012.- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados e candidato á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, visitou esta mañá as Fragas do Eume e expresou a súa consternación por esta “catástrofe sen precedentes”.

Jorquera afirmou que “o BNG non practica o oportunismo político” pero subliñou que “xa vimos advertindo dende hai tempo dos perigos que supón desatender as medidas de prevención contra os lumes forestais”.

O deputado naciolista visitou esta mañá as zona afectada canda o deputado no Parlamento Galego e veciño das Pontes, Fernando Branco Parga, e a concelleira do BNG de Monfero, Ana González.

Consternación por unha catástrofe ambiental sen precedentes

Jorquera mantivo contacto con veciños das zonas afectadas e expresou a súa consternación pola devastación que está a sofrer o que cualificou de “un dos espazos naturais máis valiosos de Galiza”. Lamentou que “estamos a sofrer unha catástrofe medioambiental sen precedentes” e manifestou o seu desexo de que o lume sexa controlado canto antes e de que se minimizen ao máximo posíbel os danos sobre as Fragas do Eume.

“Hoxe non é o momento de determinar as responsabilidades políticas, que sen dúbida existen”

Baixo o seu punto de vista “hoxe non é o momento de determinar as responsabilidades políticas, que sen dubida existen, pero si parece evidente que os recortes en política de prevención e extinción entrañan este tipo de riscos”.

Neste sentido, cualificou de “inconcebíbel que dada a seca que sofreu Galiza neste inverno a estas alturas aínda non estivese activado enteiramente o dispositivo de precampaña”.

Ademais, enfatizou que haberá que reorientar as políticas tanto de extinción como de prevención.

O portavoz parlamentar e candidato á Xunta concluíu afirmando que “o BNG non practica o oportunismo político” pero subliñou que “dende hai tempo vimos advertindo seriamente sobre os perigos que entraña desatender as políticas de prevención dos incendios forestais”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]