O BNG denuncia que a traxedia das Fragas do Eume "evidencia as gravísimas consecuencias dos recortes de Feijoo en prevención e loita contra os incendios"

Autor: César Toimil

Santiago de Compostela, 31 marzo 2012.- A portavoz de Medio Rural do BNG no Parlamento Galego, Tereixa Paz , denuncia que a traxedia das Fragas do Eume “evidencia que os recortes de Feijoo e do PP na prevención e loita contra os lumes forestais ten gravísimas consecuencias”.

Tereixa Paz lembra que “O BNG leva varios meses alertando á Consellaría do Medio Rural do alto grao de perigo de incendios forestais que está atravesando o noso país e da necesidade de adoptar medidas ao respecto”.

Neste sentido, considera “inconcebíbel que tendo en conta a situación de seca extrema que hai en Galiza, as elevadas temperaturas que se están producindo e sobre todo a persistencia no tempo destas condicións non teña motivado ningunha actuación da Xunta en relación coa posta en marcha do dispositivo de loita contra incendios”.

“A estas alturas do ano e a pesar das circunstancias tan adversas -engade- nin siquer está completado o dispositivo de precampaña, estando disponíbeis a día de hoxe menos efectivos que outros anos por esta época e con condicións menos adversas”.

Hai ademais que salientar que non se está realizando a substitución do persoal polo que moitas das brigadas que están operativas están incompletas, contando só nalgúns casos con 3 persoas fronte ás 7 coas que deberían contar.

A isto hai que engadir o perigo que supón a situación na que se encontra o monte, absolutamente abandonado e sin que se teñan realizado tarefas preventivas nos últimos anos.

O grave erro de deixar de limpar os perímetros dos núcleos rurais evidénciase no lume das Fragas do Eume

Ademais, a deputada do BNG advirte de que “incendios como o de hoxe das Fragas do Eume, no que hai que desaloxar 200 persoas das súas casas, o que veñen a demostrar e como a renuncia do goberno do PP a facer traballos de prevención nos perímetros dos núcleos rurais é un grave erro e unha irresponsabilidade”.

Por último, Tereixa Paz denuncia que “Feijóo cos seus recortes en prevencion pón en perigo ás persoas que viven no rural e desde o BNG cremos que alguén debería asumir responsabilidades pola temeridade que supón ter un dispositivo mermado en condicións meteorolóxicas tan adversas e co monte e as aldeas convertidas en polvoríns”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]