Guillerme afirma que a reforma laboral é "negativa para as pemes porque deprimirá o consumo"

O portavoz nacional interviu este serán nun acto sobre a reforma laboral en Ferrol

Santiago de Compostela, 13 marzo 12.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta tarde nun acto sobre a reforma laboral en Ferrol no que tamén interviron o portavoz municipal, Iván Rivas, a responsábel comarcal, Mercedes Tobío, e o delegado sindical da CIG Anxo Fernández.

Durante a súa intervención, o portavoz nacional afirmou que esta reforma laboral “non só é mala para os traballadores e traballadoras, senón tamén para os pequenos e medianos empresarios porque deprime o consumo e empobrece a economía”.

Tal e como enfatizou o líder nacionalista, estamos ante unha reforma “agresiva cos asalariados e asalariadas, agresiva con Galiza, onde os salarios están por baixo da media estatal e onde o paro medra por riba da media estatal”.

“Atopámonos ante unhas medidas inxustas que deprimirán aínda máis o consumo e agravarán a crise das pequenas e medianas empresas”, explicou o líder nacionalista que, en resposta ás afirmacións da Ministra de Traballo, asegurou que “o que non crea emprego é ningunha reforma laboral”.

O portavoz nacional afirmou que as medidas adoptadas por Rajoy son “as que lle pedían os mercados e a patronal. Eles presionaron e seguen presionando. Agora tócanos a nós. É o noso momento para dicir NON a esta reforma antisocial e para presionarmos o goberno. É o momento da mobilización en defensa dos dereitos de traballadores e traballadoras e aí estará, como sempre estivo o BNG”.

O líder do BNG fixo especial fincapé na mala situación económica pola que pasa o noso país, tamén baixo un goberno do PP: “batemos récord de paro superando os 271.000 desempregados e desempregadas e non só polas políticas neoliberais ditadas dende fóra, senón tamén por todas e cada unha das decisións equivocadas do goberno galego. O señor Núñez Feijóo fixo ben pouco e o que fixo, fíxoo mal: aceptación dun mal sistema de financiamento para o País, privatización das caixas, paralización do concurso eólico, entre outras”.

Fronte a isto, o BNG ten unha auténtica alternativa de goberno: a aposta por unha banca pública, unha reforma fiscal que faga pagar máis a quen máis ten, a supresión das Deputacións ou a drástica redución dos gastos militares.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]