"A importancia de estar no Parlamento Europeo"

Desde que o BNG recuperou escano no Parlamento Europeo téñenme preguntado reiteradamente sobre a utilidade de estar na Eurocámara: ¿que aporta a Galiza?, ¿que pode facer unha soa deputada do nacionalismo galego nun hemiciclo de 754 membros?, ¿que se pode acadar?... Cuestións recorrentes que convén respostar para botar por terra algúns lugares comúns. Dicía Einstein que é máis doado romper un átomo que un prexuízo e hai demasiados preconceitos sobre a única institución europea elixida polos cidadáns.

A presenza do BNG na Eurocámara fai que Galiza sexa visible. É esta forza política a que leva ao hemiciclo as preocupacións pola proxectada macroincineradora do Irixo, quen apoia que se analice a situación das nosas rías para comprobar o seu inconcluso saneamento e obrigar aos Gobernos galego e estatal a adoptar as medidas que deberían ter desenvolvido por mera responsabilidade política. É o BNG quen demanda contratos homologados con prezos xustos para os gandeiros galegos, quen reclama un trato diferenciado para a pesca artesanal e o marisqueo do noso país, quen se interesa por preservar Touriñán ou quen reclama no seu uso un pleno recoñecemento da nosa lingua.

Sen pretensións o digo, pero é certo que se o BNG non está no Parlamento Europeo, os problemas do noso país deixan de abordarse na Eurocámara. Non é unha situación nova, é sabido que pasa o mesmo a nivel estatal no Congreso dos Deputados.

«Unha soa deputada pouco pode». Velaquí outro argumento repetido como ladaíña. Para empezar, o BNG está integrado no Grupo Verdes/ALE, o cuarto máis numeroso da Eurocámara, e este é un Parlamento que funciona sobre todo por consensos, buscando alianzas con membros doutros grupos cos que podemos ter puntos de interese para os nosos sectores produtivos. Traballando hai moita receptividade.

A modo de exemplo podemos citar o recén aprobado acordo de liberalización entre a UE e Marrocos, prexudicial tanto para os agricultores marroquís como para os do sur de Europa. ¿De que lle valeu aos agricultores andaluces, canarios ou murcianos que o PP e o PSOE sumen 47 deputados se non foron capaces de convencer aos seus colegas dos grupos popular e socialista europeos? De ben pouco. Se tivesen votado como o fixo a maioría do noso grupo no Parlamento Europeo, o resultado tería sido ben distinto. Polo tanto, non podemos reducilo toda a unha mera cuestión numérica.

En canto a qué podemos acadar, o noso obxectivo é claro: que Galiza sexa tida en conta en todo aquilo que afecte aos seus intereses como país. Postos a concretar, quixera citar tres prioridades: que o sector pesqueiro saia ben parado na nova política de pesca común que se está a negociar neste momento e que vai ser o marco lexislativo para os próximos anos. Fundamental, que a pesca artesanal e o marisqueo teñan un plan específico, dada a súa transcendencia en termos socioeconómicos e de emprego.

En segundo lugar, que no marco da futura política agraria común o sistema de cotas leiteiras siga en vigor máis aló do 2015. Os nosos gandeiros teñen feito un esforzo enorme, económico e de modernización, para adaptarse a ese sistema de cotas, e non pode desaparecer agora que ese esforzo aínda non lles foi compensado.

Finalmente, que Galiza sexa considerada «territorio en transición» tendo en conta que o noso nivel de renda é superior ao 75 % da media da UE pero inferior ao 90 %, o que nos permitirá seguir a recibir fondos de cohesión tamén a partir do 2014. Ademais, demandamos que eses fondos se reorienten á creación de emprego, antes que ás grandes infraestruturas, porque entendemos que a cohesión a día de hoxe é crear emprego.

Teño que agradecer ás persoas que nos deron o seu apoio. Saben que poden contar co compromiso de representalos e de representar ao país e estou certa que, incluso quen non nos deron o seu apoio, saben que o BNG é a única forza política que nunca claudica na defensa dos intereses de Galiza e na defensa dun modelo de Europa social e dos pobos.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]