Guillerme insta a Núñez Feijóo a actuar ante a "estafa das participacións preferentes"
O líder nacionalista reclama unha actuación do goberno galego en defensa dos milleiros de aforradores estafados e afirma que sofren o que cualificou de “violencia de luva branca”
Santiago de Compostela, 1 marzo 12.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, referiuse, na rolda de prensa que ofreceu esta mañá, ao feito de que a día de hoxe milleiros de antigos impositores das caixas galegas non poden retirar os seus aforros depositados en Novagalicia banco.
Guillerme denunciou o que cualificou de “estafa” e chamou a Feijóo a que actuase politicamente ante este asunto.
O líder nacionalista emprazou a Núñez Feijóo a facer “algún movemento” en defensa destas persoas afectadas por unha “estafa que fixeron os responsábeis das caixas, os directivos do Banco de España que o permitiron e unha CNMV que non pode limitarse a advertir non se sabe que cunha letra pequena”.
“Non é de recibo que manteñan á xente nun corralito porque iso é violencia contra as persoas, violencia de luva branca”, continuou, “e Núñez Feijóo, como presidente da Xunta non pode pasar desta situación”.


