O BNG propón que o futuro Fondo Europeo de Pesca reserve unha porcentaxe fixa de recursos para a pesca artesanal e o marisqueo

Miranda e Lobeira trasladaron á Federación Galega de Confrarías as propostas que o BNG defenderá no Parlamento Europeo de cara a reforma da Política Pesqueira Común para o periodo 2014-2020

Cambados, 20 febreiro 2012.- O BNG defenderá no Parlamento Europeo que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), da futura Política Pesqueira Común (PPC), recolla unha porcentaxe mínima de recursos con destino a pesca artesanal e ao marisqueo “dada a trascendencia deste tipo de pesca en termos de frota, económicos e de xeración de emprego”. O FEMP ten unha dotación inicial de 6.500 millóns de euros para o período 2014-2020, e estará integrado dentro do novo marco da PPC, cuxa reforma se está a levar a cabo desde a Comisión Europea para ser aprobada despois polo Parlamento Europeo.

Esta foi unha das propostas que o BNG trasladou á Federación Galega de Confrarías de Pescadores a través da eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, nun encontro co presidente da Federación, Benito González Sineiro, co secretario xeral da entidade, Xoan Manuel López, e outros membros da xunta directiva da Federación, nunha reunión na que tamén participou o portavoz de Pesca do BNG no Parlamento galego, Bieito Lobeira.

Miranda considera que é o propio sector o máis cualificado para determinar que porcentaxe do FEMP deber quedar predeterminado para a pesca artesanal e o marisqueo dentro da futura PPC, tendo en conta criterios como o tamaño da frota e o feito de xerar miles de postos de traballo.

A eurodeputada tamén salientou que a pesca artesanal e de baixura ten que quedar “excluída” das denominadas “transferencias de concesións de cuota de capturas” entre particulares, que recolle a proposta da Comisión Europea para a nova PPC, e que a pesca artesanal e o marisqueo sexa obxecto “dun programa comunitario de apoio específico” dentro do futuro marco da Política Pesqueira Común que rexerá no período 2014-2020.

OPINIÓN DA COMISIÓN DE DESENVOLVEMENTO RURAL

Miranda tamén explicou aos responsables das confrarías galegas que como eurodeputada integrada na Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo será autora dun informe, -opinión segundo a xerga comunitaria-, obre a Pesca Artesanal e o Marisqueo, informe que, segundo explicou á Federación, poderá recoller as propostas que o sector considere importante incluir de cara a influir no deseño do marco de pesca comunitario que rexerá ata o 2020.

Neste sentido, transmitiulle á Federación Galega de Confrarías o apoio do BNG no Parlamento Europeo para que a futura Política de Pesca Común se deseñe tendo en conta os intereses do sector galego e do peso socioeconómico que ten no país.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]