Galiza Nova concentrouse contra a "vergoñenta" homenaxe a Fraga na facultade de Filosofía da USC

Iria Aboi considera que isto forma parte “dunha estratexia de beatificación dunha persoa que non conta co apoio dunha parte da cidadanía para merecer un recoñecemento social como o que está a propor o PP”.

Santiago de Compostela, 14 Febreiro 2012. Galiza Nova concentrouse a partir das 19:30 desta tarde na Praza de Mazarelos, diante da Facultade de Filosofía da USC, para “rexeitar a vergoñenta homenaxe a Manuel Fraga Iribarne”.

Dende a organización xuvenil consideran “unha provocación” incorporar unha homenaxe a Fraga no marco dunhas xornadas docentes. Para Iria Aboi “isto forma parte dunha estratexia de beatificación dunha persoa que non conta co apoio dunha boa parte da cidadanía para merecer un recoñecemento social como o que está a propor o PP”.

Iria Aboi considera que “ocultar deliberadamente a participación do Sr Fraga na ditadura fascista e as súas decisións claramente antidemocráticas na súa función como Ministro de Información e Turismo do réxime ditatorial de Franco “supón un atentado contra a democracia, a manipulación da memoria histórica e unha mofa a todas as vítimas do franquismo”.

Así mesmo, dende Galiza Nova engaden que “a avaliación de Fraga durante os anos que ocupou a Presidencia da Xunta é claramente negativa para Galiza” e lembran que “as mocidades do BNG combatemos o seu autoritarismo e a súa política xuvenil que deu en taxas de desemprego e emigración das máis altas da historia, o desmantelamento do ensino público ou a súa actitude belixerante contra os dereitos das mulleres”.

Galiza Nova considera que este tipo de homenaxes “non se poden consentir” e fai un chamamento ás mozas e mozos que lembran o seu paso pola Xunta e tamén a aqueles que “non padecendo as súas políticas comparten o desexo de recuperación da nosa memoria histórica e o respecto pola nosa dignidade colectiva”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]