Guillerme reclama ao PP que "faga realidade as promesas contraídas e apoie o sector naval"

O  portavoz nacional participou na manifestación en defensa do naval e afirmou que “Galiza non se pode permitir a destrución do seu sector industrial e ése é o camiño ao que nos conducen os gobernos do PP”

A Coruña, 09 Febreiro 12.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asistiu esta mañá á manifestación en defensa do sector naval na súa chegada á cidade da Coruña, ante a Delegación do Goberno, onde afirmou que o BNG estivo alí para “amosar o seu apoio incondicional aos traballadores do naval” e reclamou aos gobernos central e galego que “fagan realidade as promesas que tiñan contraídas co sector”.

O líder nacionalista lembrou que “a industria naval para Galiza é estratéxica, un sector chave para recuperar emprego” e insistiu no respaldo do BNG ás “xustas reivindicacións dos traballadores do naval, polo que esiximos dos gobernos, tanto do da Xunta coma do central, que adopten solucións políticas de apoio ao sector”.

“O señor Rajoy, que empeza a viaxar a Bruxelas con frecuencia”, ironizou Guillerme, “que o faga para pedir solucións a este sector como goberno que son e dende o compromiso que o PP tiña cos estaleiros de Ferrol a respecto do dique flotante, que faga realidade as promesas”.

Tal e como enfatizou o portavoz nacional, “Galiza non se pode permitir a destrución de todo o seu sector industrial e, se o PP, gobernante na Xunta e en Madrid non toma ningunha medida a favor ese será o futuro e o BNG non cre que o futuro do noso país pase por ser un deserto industrial".

Guillerme Vázquez estivo acompañado dunha ampla representación de cargos orgánicos e institucionais do BNG na Coruña e Ferrolterra, entre eles, os deputados autonómicos Carlos Aymerich e Fernando Branco Parga; concelleiros na Coruña Xosé Manuel Carril, Ermitas Valencia e Xan Martínez; concelleiros en Ferrol, Mercedes Tobío e Iván Rivas; alcalde de San Sadurniño, Secundino García, tenente de alcalde de Narón, Pablo Villamar, e responsábel comarcal da Coruña, Silvia Seixas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]