A Executiva do BNG nomea a Ana Pontón como portavoz do Grupo Parlamentar e a Ana Luisa Bouza como viceportavoz

Santiago de Compostela, 6 febreiro 2012.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, informou esta tarde en comparecencia de prensa dos acordos da Executiva Nacional do BNG.

Sobre a posta a disposición por parte de Carlos Aymerich do seu cargo de portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, a Executiva por unanimidade pediulle que continuase como portavoz. Ante esta petición, Carlos Aymerich manifestou a súa preferencia por, en palabras de Guillerme Vázquez, “pasar a desenvolver outro tipo de responsabilidades a nivel parlamentar”. “A Executiva Nacional naturalmente respecta a decisión persoal de Carlos Aymerich”, enfatizou Guillerme.

En consecuencia, a Executiva Nacional nomeou como portavoz do BNG no Parlamento Galego a Ana Pontón e como viceportavoz a Ana Luisa Bouza.

Ana Pontón e Ana Luisa Bouza, portavoz e viceportavoz do Grupo Parlamentar, respectivamente

En canto á distribución de responsabilidades dentro da nova Executiva, e a petición expresa de Encontro Irmandiño, que celebra unha asemblea este domingo, acordouse aprazar esta decisión á semana que ven. E con carácter provisorio, a Executiva decidiu, mentres tanto, manter as responsabilidades que na anterior Executiva xa tiñan membros que agora continúan na nova Executiva Nacional. O resto das responsabilidades asumiráas, tamén con carácter temporal, o propio portavoz nacional.

Xa que logo, seguirá habendo responsábeis en Organización (Montse Prado), en Imaxe e Propaganda (Ana Pontón), en Acción Social (Rafa Vilar), en Acción Institucional nas Cortes Xerais (Francisco Jorquera), en Acción Municipal (Xoán Bascuas), Finanzas (Francisco García) e Coordinación das Comisións do Consello Nacional (Ana Luisa Bouza).

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]