Guillerme denuncia que, ao eliminar as axudas ao sector eólico, Rajoy bota abaixo o "proxecto estrela" de Feijoo en Galiza

Santiago de Compostela, 31 xaneiro 2012.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou hoxe que o goberno de Rajoy ven de botar abaixo o proxecto estrela do goberno de Feijoo para crear emprego en Galiza, o concurso eólico, ao eliminar as axudas ao sector eólico.

Guillerme e o portavoz de Industria do BNG no Parlamento Galego, Fernando Branco Parga, compareceron hoxe en rolda de prensa para informar sobre a posición do BNG en relación ao real decreto aprobado polo Goberno Central este sábado e polo que se eliminan as primas ás enerxías renovábeis, entre elas ao sector eólico.

O portavoz nacional do BNG advertiu de que “esta decisión pon en cuestión o desenvolvemento do sector eólico en Galiza e bota abaixo o proxecto estrela do señor Feijoo para crear emprego en Galiza”.

Ademais, Guillerme subliñou que con este cambio “o Goberno Central deixa de apostar polas enerxías renovábeis, que para Galiza é unha cuestión estratéxica, e de paso deixa de apostar pola autosuficiencia enerxética no Estado, nun contexto mundial de inestabilidade e de crecente control dos recursos enerxéticos polas grandes potencias e grandes petroleiras”.

Irresponsabilidade de Feijoo e do PP ao anular o concurso eólico promovido polo BNG

Pero como causa real deste fracaso, Guillerme non dubidou en sinalar a decisión política tomada en 2009 polo goberno do PP cando volveu acceder á Xunta de anular o concurso eólico acordado polo anterior goberno, participado polo BNG, “un concurso que malia as mentiras que difundiu o PP, foi declarado totalmente legal polo TSXG”.

“A decisión política do PP de anular o concurso eólico promovido polo BNG non só provocou xa no seu momento unha perda de emprego no sector, senón que agora fai saltar polos aires o proxecto estrela de Feijoo” de promover o investimento de 6.000 millóns de euros e a creación de 14.000 postos de traballo co novo concurso eólico.

“A política industrial de Feijoo é un desastre para Galiza”

Ante esta situación, Guillerme denunciou que “a política industrial do goberno do PP é un desastre para Galiza”. “E coma sempre -engadiu-, o señor Feijoo ante os problemas do país ponse de perfil; en lugar de defender os intereses galegos, é fiel aos intereses do seu partido en Madrid”.

Por iso, anunciou que “dende o BNG solicitamos de Feijoo unha explicación e que, por unha vez, pete na mesa na defensa dos intereses de Galiza”.

Guillerme concluíu lembrando que “hai uns meses aseguraba o conselleiro de Industria nunha entrevista que tería sido irresponsábel non anular o concurso eólico do goberno Bipartito”. “Agora -retrucou- queda en evidencia que o único irresponsábel é el e o goberno do PP na Xunta”.

Branco Parga: “O goberno de Feijoo méntelle á sociedade galega”

Na mesma liña incidiu Fernando Branco Parga, para quen “a decisión inicial do goberno de Feijoo de derrogar o concurso eólico do anterior goberno da Xunta conformado polo BNG, e que despois o TSXG ditaminou que era completamente legal, tráenos agora estas consecuencias”.

O portavoz de Industria do BNG lembrou tamén que “gobernando Zapatero había un borrador de proposta sobre primas a renovábeis e que non chegou a ser aprobado, un documento que minoraba as axudas ao sector eólico nun 40%”. “Daquela -explicou-, en outubro do 2011, o conselleiro de Industria do goberno de Feijoo manifestou a súa total oposición a esta norma e defendeu a súa derrogación tan pronto entrase o PP no Goberno Central”.

Porén, Branco Parga criticou que “agora cando o goberno de Rajoy non só minora senón que suprime calquera axuda ao sector eólico, o goberno da Xunta amósase moito máis comprensivo co Goberno Central”.

Ademais, critica a nota emitida onte pola Consellaría de Industria na que se apuña ao Goberno Bipartito esta situación. Neste sentido, o deputado nacionalista lembra que “en xuño de 2009, cando se abriu o rexistro de preasignación de megavatios eólicos, non gobernaba o Bipartito, senón que gobernaba xa o PP na Galiza”.

Igualmente, o deputado do BNG denuncia que “tamén mente o goberno de Feijoo cando di que o decreto aprobado o pasado sábado contempla que os megavatios de maior rendemento poidan recibir primas”. “Non é así: se se le o Real Decreto esa posibilidade de primas ás enerxías de maior rendemento refírese á biomasa, a biocarburantes ou refugallos agrícolas, e exclúe á enerxía eólica, á fotovoltaica e á termosolar”.

Ante esta situación, o BNG ven de rexistrar diversas iniciativas no Parlamento Galego instando á Xunta a que demande ao Goberno Central o mantemento dos incentivos económicos para a enerxía eólica, e en concreto para os 2.352 megavatios do concurso eólico.

“Se non é así, -advertiu Branco Parga- as empresas promotoras non van atopar financiamento para os proxectos industrias e vai fracasar o maior plan industrial anunciado polo Goberno Feijoo”.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]