Guillerme considera "unha tomadura do pelo" a Galiza os novos atrasos do AVE A Coruña-Vigo

Teo (A Coruña), 21 xaneiro 2012.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou hoxe de “tomadura de pelo” ao pobo galego o anuncio feito onte pola ministra de Fomento, Ana Pastor, de novos atrasos nas obras da liña ferroviaria de alta velocidade A Coruña-Vigo.

Guillerme denunciou a “falta de seriedade e desfachatez política tanto do Goberno Central como do da Xunta” e considerou “absolutamente escandaloso que máis unha vez a nova ministra de Fomento, e polo tanto o Partido Popular, nos pida outra vez calma e tranquilidade e nos diga que o Eixo Ferroviario Atlántico A Coruña-Vigo non se rematará nin no 2012 nin no 2013, senón como mínimo a mediados do 2014”.

E é que, tal e como lembrou o portavoz nacional do BNG “estamos a falar dunha liña que non debe ser maior de 150 quilómetros e cun proxecto iniciado, xa con atrasos, no ano 2000”.

Unha tomadura de pelo aos galegos e galegas

“Polo tanto, -advertiu- estamos a falar de 10 quilómetros por ano”. “O señor presidente da Xunta non ten nada que dicir? É unha auténtica tomadura de pelo. Os romanos teríana acabado bastante antes”, sentenciou Guillerme.

Ademais, preguntoulle a Núñez Feijoo “que asinou no Pacto do Obradoiro?”. “Porque -engadiu- xa non falamos do atraso no AVE de Galiza á Meseta, pero unha liña que nin sequera inclúe a conexión A Coruña-Ferrol nos volvan falar de atrasos é unha tomadura de pelo.

Por iso, o portavoz nacional do BNG esixiu “que se tomen en serio a Galiza e cumpran minimamente cun compromiso ben pequeno e serodio en materia de infraestruturas”.

“Pero o que non pode ser -advertiu- é seguir enganando aos galegos e galegas día si e día tamén e cunha desfachatez política que para o BNG é inaceptábel”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]