O BNG pide a paralización definitiva das obras do Gaiás e esixe da Xunta un informe sobre os custes reais

Guillerme cualifica de “obsceno” que “recorte tras recorte, o goberno do PP non tome decisións sobre o saco sen fondo que supón a Cidade da Cultura”

Santiago de Compostela, 19 Xaneiro 12.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Cultura do grupo parlamentar, Ana Pontón, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que presentaron unha iniciativa do BNG instando á Xunta a elaborar un informe que permita un debate para a paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construción na Cidade da Cultura.

O BNG reclama “rigor, transparencia” á Xunta que permita “un debate parlamentar e por iso requerimos un informe no que consten os custes de finalización e funcionamento, ademais de cal sería o custe da paralización”.

O líder nacionalista cualificou de “obsceno” que o goberno do PP, “nun escenario no que impulsa recortes tras recortes non tome decisións sobre a Cidade da Cultura, un saco sen fondo sen que se saiba que aporte nada”.

Guillerme Vázquez lembrou que Feijóo declarou as obras como prioritarias a pesar da crise cando tomou posesión do seu cargo, “a partir daí deron paos de cego”, continuou, “é tempo de decisións e de parar esas obras definitivamente”.

O portavoz nacional incidiu nas críticas aos “recortes e privatizacións do PP, agora as escolas infantís, feitas con cartos públicos, agora se decide pasar a xestión a mans privadas para obter beneficio. Non podemos seguir asistindo a decisións do goberno central que recentralizan o Estado como o control do orzamento cun presidente da Xunta impasíbel”.

“Rajoy e De Guindos falan de acabar a reestruturación do sector financiero e apoiar procesos de fusión e absorción, por ejemplo na Galiza da entidade resultante das caixas”, indicou Guillerme, “e o señor Feijóo non se pronuncia. É necesario que se pronuncie, temos dereito a sabelo”.

En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre o anuncio do Goberno central de que pensa exixir responsabilidades penais aos responsábeis políticos que incorran en más prácticas contábeis, Guillerme afirmou que “son mestres en desviar a atención sobre os problemas reais de fondo. Esta proposta ten moito de demagoxia, de propaganda e de tufo antipolítico”.

CIDADE DA CULTURA

A portavoz de Cultura e viceportavoz parlamentar, Ana Pontón, salientou que “do ponto de vista do BNG, estes edificios deberían paralizarse definitivamente, máis dunha década despois de que se iniciase o complexo e un ano despois de que se abrise o complexo, todo certifica o fracaso do Gaiás e a posición expresada polo BNG en 1997”.

Pontón lembrou que o Bloque foi dende o principio “a única forza política crítica con esta infraestrutura, os únicos que dixemos que ía absorber fondos que deberían estar destinados á cultura galega”.

“A Cidade da Cultura non cumpriu ningunha función positiva para a cultura galega nin tivo efecto no ámbito turísitico”, explicou a portavoz da área, que puxo como mostra disto as cifras feitas públicas pola Xunta que “aínda que non teñen fiabilidade, demostran un escaso interese por este edificio. Os museos da Coruña teñen máis visitantes que o Gaiás que ten unhas cifras moi afastadas de infraestruturas ás que pretendía emular como o Guggenheim, a Cidade das artes de Valencia, ou o museu Raíña Sofía.

A portavoz de cultura afirmou que esta infraestrutura “só é unha tragadeira de fondos públicos nun contexto de graves recortes. Os fondos para este ano son de 17 ME, mentres só se preven 4,1 ME para intervencións patrimoniais e 1,5 a mercar libros para as bibliotecas”.

Finalmente, a deputada nacionalista criticou que o PP “non foi capaz de facer nada positivo con este proxecto e só encarece a construción dos edificios ao demoralos”. Estamos a falar de 30 ME nun caso e 82 no outro, ademais dos custes dos equipamentos que superarían os 40 ME e o mantemento que algúns estudos cifran en 11 ME.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]