Guillerme pede “un cambio de rumbo radical na política económica” porque as medidas de Rajoy “agravarán a crise”

Pontevedra, 18 Xaneiro 12. Só un cambio de rumbo radical na política económica permitirá unha “saída social e galega” á crise económica, afirmou este serán en Pontevedra o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, durante o acto que protagonizou no Teatro Principal coas alternativas nacionalistas para saír da recesión como argumento.

“As políticas de Rajoy, que son basicamente continuistas coas do goberno anterior, son políticas xa experimentadas e políticas fracasadas”, proclamou o líder nacionalista, quen partillou a tribuna co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e co portavoz do grupo municipal do BNG, César Mosquera. “O mesmo Rajoy recoñeceu onte, após o seu encontro con Van Rommpuy, que o draconiano recorte previsto no déficit público agravará a recesión ao contraír aínda máis o Produto Interior Bruto”, engadiu.

Guillerme na súa intervención

“Iso significa tres cousas: máis crise, máis paro e máis desigualdades sociais e territoriais. Unha política letal para os intereses das maiorías sociais no Estado español e especialmente letal para Galiza, que encabeza o ránking de destrución de emprego desde que Feijóo chegou ao Goberno galego en 2009”, considerou o portavoz nacional.

Cuestionou Guillerme o argumento de Rajoy de que o Goberno español non ten marxe para facer unha política distinta. “Por suposto que o ten, o que non ten é vontade política para facela”, dixo. “Claro que pode facer unha política fiscal verdadeiramente progresiva, que grave máis as rendas do capital do que as rendas do traballo! Claro que pode apostar por un banca pública, que garanta o acceso ao crédito a particulares e ás pemes!”, enfatizou, ao tempo que demandou que o axuste non se faga recaír sobre as maiorías sociais. “Que suprima as axudas á Igrexa, que refree o tolo gasto militar!”, demandou.

Capítulo aparte mereceu a valoración sobre o anuncio do Goberno central de que vai intervir aquelas comunidades autónomas que incorran en déficit.

Lores durante a súa intervención

“Na historia do Estado español os recortes sociais sempre veñen da man de recortes no autogoberno. As políticas do PP van nesa dirección. Queren aproveitar a coartada da crise para recentralizar competencias e para valeirar de contido real o autogoberno”, describiu e a seguir acusou Feijóo de “demitir das súas responsabilidades e de non mover nin un dedo para defender o seu marco competencial”. “Non só non o fai, senón que aplaude os ataques ao autogoberno”, obxectou.

DEFICIENTE FINANCIAMENTO

Salientou que o déficit das comunidades autónomas ten coma orixe o seu deficiente financaimento, “particularmente no caso de Galiza”.

César Mosquera

“Desde logo, o déficit non se pode resolver pola vía de recortar gastos en servizos sociais, tan fundamentais en épocas de crise para as capas máis débiles e máis desprotexidas da poboación”, dixo.

A estas alturas, argumentou, non ten nin pés nin cabeza que a descentralización do gasto non se teña visto acompañada da descentralización dos ingresos. “Galiza debe recadar e xestionar todos os tributos. É preciso avanzarmos cara á plena autonomía fiscal, sen a cal a autonomía política vira en letra morta”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]