Guillerme: "Na súa mensaxe de Fin de Ano, Feijóo deixou claro que é un presidente sen proxecto nin alternativa para Galiza"

“Feijóo non mencionou os sectores produtivos galegos nin deu unha soa alternativa de futuro”

Santiago de Compostela, 31 Decembro 11. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avaliou hoxe a mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta afirmando que “deixou ver que é un presidente sen proxecto nin alternativa para Galiza e que ten demitido da súa responsabilidade co país e cos galegos e galegas”.

“Como acostuma facer”, opinou Guillerme, “o presidente comparece ante a opinión pública como se non tivese responsabilidade algunha e trasladándoa toda ao pobo galego”.

Para o portavoz nacional do BNG, estamos ante un discurso que “non deixou ningún espazo para a esperanza porque volveu constatar que este goberno non ten proxecto nin alternativa para superar a gravísima crise pola que pasa o noso país. Ante esta evidencia”, continuou, “dende o BNG, chamamos ao pobo a que, ante a ausencia de dirección política do goberno, tome as rendas do seu futuro”.

Para o BNG está claro que “si que hai alternativa: democracia, soberanía, cambio na política económica; esa alternativa hai que conquistala e é máis necesaria ca nunca para superar a crise”.

A Guillerme pareceulle “inconcebíbel” que Feijóo se gabase da xestión do seu goberno desde 2009 póndoa como un modelo de política contra a crise. “Do único do que é Feijóo modelo”, opinou Guillerme, “é dunha política de recortes antisociais que só trouxeron máis paro e máis crise. Máis que dun modelo, podemos falar de antimodelo”. “Do único do que ten sido avanzadilla este goberno”, continuou o portavoz nacional, “é dos recortes”.

GRANDILOCUENTE E POMPOSO

Guillerme viu “grandilocuente e un tanto pomposo” o discurso de Feijóo e botou en falta referencias á situación pola que atravesan os sectores produtivos do país. “Nin unha soa palabra do sector lácteo, naval, pesqueiro, nin sobre a caída da produción industrial do país”, salientou, “e, por suposto, nin unha alternativa de futuro para estes sectores”, denunciou.

En opinión do portavoz nacional do BNG foi tamén moi “sintomática” a alusión que fixo o presidente da Xunta ao paro poñendo o acento non no paro galego, senón na cifra de desemprego española. “É evidente que pretende así desviar a atención sobre as súas responsabilidades como gobernante que se derivan do feito de que, desde que está na Xunta, o aumento do desemprego en Galiza é claramente superior á media estatal”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]