Guillerme afirma que "co BNG en Bruxelas, Galiza volta a ter presenza no Parlamento Europeu"

A eurodeputada Ana Miranda presenta a defensa dos sectores produtivos e dunha Europa social e dos pobos entre as súas prioridades de traballo

Santiago de Compostela, 27 Decembro 11.- A que será nova eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que presentaron as liñas estratéxicas do traballo que levará adiante o nacionalismo galego en Europa e na que Guillerme enfatizou que, «co BNG en Bruxelas, Galiza voltar ter presenza no Parlamento Europeu».

Guillerme lembrou que «se o BNG non está, Galiza non está, por iso estamos ante unha boa noticia porque a eurodeputada do BNG será útil para demandar solucións aos problemas de Galiza».

O portavoz nacional advirte de que "o actual modelo de Europa fai augas" e aposta por un cambio ante as súas consecuencias como "os novos recortes que xa vén anunciando Rajoy"Así, o portavoz nacional enfatizou que «os problemas dos sectores produtivos galegos, dende o naval ao lácteo, pasando pola pesca, non atoparon solución nos sucesivos gobernos centrais nin nas xestións do goberno galego en Europa».

«É necesaria unha voz como a do BNG nun momento en que hai unha discusión sobre o modelo da UE, un modelo que fai augas, que evidencia a necesidade dunha reformulación a fondo», afirmou Guillerme, «un modelo abrazado ao neoliberalismo extremista hexemonizado pola Alemaña de Merkel e que ofrece como única receita o límite ao défice».

O BNG quer contribuír a dar un debate, tal e como apuntou Guillerme, «por outro modelo de Europa democrática, dos pobos, da cohesión social e territorial e non este modelo ao servizo do capital financeiro que ten repercusións no noso país como concreta o novo goberno de Rajoy que se apresta a recortar dereitos laborais e sociais. Recortes que se cifran en 16.500 ME, pero que seguro van ser máis».

OBXECTIVOS DO BNG NO PARLAMENTO EUROPEO

A eurodeputada afirmou que esta presenza do BNG no Parlamento Europeo «significa que Galiza volta ter representación na defensa dos seus intereses. Así será a partir do 1 de xaneiro e éste é un momento moi importante para o BNG, pero sobre todo para Galiza».

«Este vai ser o escano europeo do pobo galego», explicou Miranda e, por iso, neste tempo comprometeuse a realizar «un intenso traballo coa sociedade galega en defensa dos intereses de Galiza porque queremos facer iniciativas en beneficio dos sectores produtivos e da cidadanía».

Neste sentido, os principais reptos do BNG no Parlamento Europeo serán «a defensa dos sectores produtivos e da economía produtiva galega e faremos propostas concretas; a defensa dunha Europa social e dos pobos, que aposte por un cambio de políticas en favor do benestar social; a defensa dunha economía territorial e enerxética que teña en conta a Galiza e na que Galiza conte; a defensa dos dereitos democráticos e das liberdades públicas, cun respeito do dereito ás minorías porque ser un non significa ser ninguén, senón estar nun grupo de eurodeputados e eurodeputadas nacionalistas e de esquerdas que é estar con xente que quere unha Europa da xente e non dos mercados; finalmente, o BNG defenderá unha política internacional solidaria, no respeito dos dereitos dos pobos e das nacións».

Ana Miranda destacou a oportunidade que supón estar no Parlamento Europeo no momento «en que se inician tres reformas de calado para o país como a dos fundos europeos, a da política pesqueira e da agraria».

«Queremos transmitirlle ás galegas e galegos que éste é o seu escano, o seu altofalante, que terán en nós unha interlocución directa no Parlamento Europeo para transmitir as súas inquedanzas e problemas», explicou Miranda.

A eurodeputada destacou asemade algunhas das iniciativas que levará a Europa como a petición de levantamento do veto á construción naval en ferrolterra ou unha solución para o tax lease.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]