En resposta ao BNG, o Comisario Europeo de Transporte recoñece a importancia do porto de Vigo

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, dirixira iniciativas á Comisión Europea interesándose pola situación do peirao vigués e a súa inclusión na Rede Transeuropea de Transporte

Santiago de Compostela, 26 Decembro 11.- O Comisario Europeo de Transporte, Sim Kallas, vén de remitir á portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, a súa resposta a unha das perguntas formuladas sobre o porto de Vigo e a súa inclusión na Rede Transeuropea de Transporte. Tal e como xa se informou e recoñece na resposta, Vigo estará nesa rede porque a súa importancia «quedou acreditada polo éxito da creación das autoestradas do mar, que forman parte da futura política de RTE-T, así como polos plans de mellora da súa conexión á rede transeuropea de ferrocarris".

A eurodeputada Ana Miranda dirixírase á Comisión amosando o seu interese e preocupación pola non inclusión inicial do peirao nesta rede e destaca a súa «posición estratéxica, xa que pode ser un dos portos intermodais máis importantes con conexión atlántica co resto de Europa".

A portavoz nacionalista destaca a relevancia deste enclave e da necesidade de apostar dende a Comisión Europea e desde as administracións estatal e galega por unha «verdadeira estratexia de comunicación intermodal que non pode deixar de lado o porto de Vigo".

O Comisario europeo informa na resposta de que, aínda que o porto de Vigo non cumpría os criterios competitivos fixados, nin é considerado como porto de acceso a unha fachada marítima, a súa «importancia" facilitou a súa inclusión nesta rede.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]