Máis de 2.000 persoas reclaman en Compostela a demisión do Valedor do Pobo e do conselleiro de Educación

Membros da Executiva nacional na concentración.

O portavoz nacional e a Executiva do BNG apoiaron a mobilización convocada por Queremos Galego


Santiago de Compostela, 17 Decembro 11.
- A plataforma Queremos Galego convocou o sábado, 17 de decembro, en Santiago de Compostela unha mobilización reclamando o cesamento do Valedor do Pobo e do conselleiro de Educación pola súa caza de bruxas contra un libro de texto por dicir que “o galego é a lingua propia de Galiza”, citando para iso de forma literal o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía.

Tratábase da segunda conentración convocada por esta plataforma con este motivo despois da celebrada o xoves, 15, diante da Sede do propio Valedor do Pobo.

Neste acto tomou parte activa o BNG, da man do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, así como dunha representación da súa Executiva Nacional, cargos orgánicos e institucionais, que tamén esttiveron presentes na concentración do pasado xoves 15.

Guillerme na concentración

Durante o acto, o portavoz da plataforma, Carlos Callón, lembrou que “o feito de que o galego é a lingua propia de Galiza é unha verdade innegábel, tanto dun punto de vista obxectivo, como curricular ou mesmo xurídico: a lingua propia de Galiza é o galego, aínda que haxa dúas linguas oficiais”.

Varios centos de persoas responderon nesta ocasión á chamada de Queremos Galego e reclamaron o cesamento do Valedor do Pobo e do conselleiro de Educación “pola súa caza de bruxas contra a nosa lingua e contra a nosa cultura”. O acto estivo arroupado por rostros coñecidos do mundo da cultura galega como Carlos Blanco, Miguel de Lira, Isabel Risco, O Carrabouxo, Pepe Penabade, Roberto Sobrado, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marga Romero, Roi Casal, os compoñentes de Zurrumalla, Luís Iglesia e Teresa Moure; estes dous últimos foron os encargados de leren o manifesto final.

Lembramos tamén que a plataforma fai un chamamento á cidadanía galega para que remitan cartas á presidenta do Parlamento de Galiza e ao presidente da Xunta reclamando o cesamento inmediato do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, por participar de xeito activo nesta "caza de bruxas" contra o noso idioma.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]