O BNG aposta en Bruxelas por unha Europa social e dos pobos

O secretario de Relacións Exteriores e Emigración da Executiva Nacional do BNG, Gonzalo Constenla, participou onte no Parlamento Europeo na conferencia política 'De nacións a Estados membros. Unha nova arquitectura para Europa'

Bruxelas, 10 Novembro 11.- O Secretario de Relacións Exteriores da Executiva Nacional do BNG, Gonzalo Constenla, participou onte no Parlamento  Europeo na conferencia política "De nacións a Estados membros. Unha nova arquitectura para Europa" dentro dos actos que celebran o 30 aniversario da Alianza Libre Europea.

No transcurso da mesma, a delegación galega, da que tamén fixo parte a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, reclamou que a nova Europa que se ten que deseñar debe superar o binomio Estados-mercados que a levou á grave crise económica do capital financeiro-especulativo, polo de nacións-dereitos sociais para construír unha Europa dos pobos, social e do benestar, baseada nunha economía produtiva.

No transcurso da sesión, representantes das organizacións políticas das nacións sen Estado de Europa, integradas na Alianza Libre Europea, xunto con expertos académicos en ciencias políticas, debateron sobre o rexurdimento das nacións no contexto da crise económica ou a emerxencia de novos Estados membros, entre outros temas.

O acto conmemorou, así mesmo, o 30 aniversario da Alianza Libre Europea e, con tal motivo, ao final do mesmo presentouse un libro que repasa a historia da ALE e das organizacións políticas que a integran durante estes tres decenios en imaxes, entre ellas a da constitución do BNG en 1982 ou as masivas mobilizacións de 2009 e 2010 contra o decreto do goberno Feixó que restrinxe o uso do galego no ensino .

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]