Guillerme insta a Núñez Feijóo a que deixe "sen efecto" os recortes dun 70% en axudas sociais aos concellos galegos

De esquerda a dereita, Secundino García, Martiño Noriega, Francisco García, Guillerme Vázquez, Federico Gutiérrez e Xoán Jardón

“Feijóo fai os recortes a traizón e endosa a súa responsabilidade aos concellos”

Santiago de Compostela, 27 Outubro 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, instou esta mañá en rolda de prensa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo a que “deixe sen efecto os recortes dos fondos destinados aos concellos para gasto social”.

O BNG emendará os orzamentos da Xunta para 2012 para que a xente non sufra as consecuencias dos recortes"Tal e como denunciou o portavoz do BNG na FEGAMP e alcalde de Allariz, Francisco García, estes recortes alcanzan en moitos casos o 70% do total destes fondos en programas como os destinados á axuda no fogar ou a atención a comunidades específicas.

Francisco García e Guillerme estiveron acompañado polo alcalde de Teo, Martiño Noriega, o de San Sadurniño, Secundino García, o de Riotorto, Federico Gutiérrez e o de Vilar de Santos, Xoán Jardón.

Eles detallaron os efectos da “política de recortes do PP” denunciada polo portavoz nacional. “Núñez Feijóo recorta no prioritario e no que non o é, recorta en todo”, advertiu, “pero o BNG tentará corrixir isto no futuro emendando os orzamentos de 2012”.

“Dende logo, nos concellos do BNG faremos o posíbel e o imposíbel para que a xente non sufra as consecuencias das decisións do goberno de Feijóo”, explicou Guillerme, ao tempo que criticou duramente estes recortes que “afectan aos máis desfavorecidos e recae tamén sobre as arcas dos concellos que veñen sufrindo no noso país un financiamento discriminatorio. Isto é escandaloso”, concluíu.

"Nos concellos do BNG faremos o posíbel e o imposíbel para que a xente non sufra as consecuencias dos recortes"Guillerme lembrou que esta decisión tamén pon en risco postos de traballo e ademais “Feijóo recorta a traizón nos servizos sociais, a final de ano, cando os concellos xa teñen previstos os seus gastos en función duns ingresos que viñan recibindo todos os anos”.

MÁIS DÉFICE NAS ARCAS DOS CONCELLOS

En resposta ás perguntas dos xornalistas, o alcalde de Vilar de Santos e portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Xoán Jardón, detallou que nesta provincia a media do recorte sitúase arredor do 70% e no seu concello en particular suporá 12.000 euros de défice.

“Imos ter que facer frente a estes gastos desde os concellos” advertiu Francisco García, “co que se rompe unha práctica establecida durante anos, posto que esta partida consignábase dende hai moito tempo”.

O portavoz nacional reclamou a Feijóo que “reconsidere” esta decisión e asegurou que con este tipo de medidas déixase aínda en máis dificultades a uns concellos con problemas históricos de financiamento, problemas nunca atendidos convenientemente pola Administración do Estado.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]