Guillerme: "A peor traxedia non son os lumes, senón ter unha Administración que non asume as súas responsabilidades"

O portavoz nacional do BNG visitou hoxe unha zona afectada polo lume no concello de Manzaneda

Manzaneda, 19 Outubro 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, desprazouse hoxe até o concello de Manzaneda para comprobar in situ os efectos do lume nos concellos desta área. Alí demandou da Administración galega que “asuma as súas responsabilidades: ter medios humans e materiais para combater os lumes. Os lumes son unha traxedia, pero a peor traxedia é ter unha Administración que non asume as súas responsabilidades. É moitísimo peor que o lume en sí mesmo”.

“O señor Núñez Feijóo, tan activo na loita contra os incendios en 2006”, ironizou Guillerme, “cando foi cualificado como o señor da mangueiriña, agora vén dicir que este problema non vai coa Xunta de Galiza”.

O portavoz nacional criticou tamén a decisión do presidente da Xunta de “elevar este problema á categoría de orde pública, co que nos di a concepción que ten da súa responsabilidade”.

Dadas as importantes repercusións económicas e medioambientais destes lumes, Guillerme lembrou que vai haber persoas adicadas á gandeiría extensiva que “van ter problemas importantes e demandamos da Xunta un plan de actuación para apoiar á xente perxudicada economicamente e para facer o posíbel para facer frente á catástrofe medioambiental que se producirá pola erosión do solo cando cheguen as choivas”.

“É sorprendente que o señor Núñez Feijóo, que tivo tempo a viaxar a Buenos Aires para trajinar algúns votos nin sequera se deixase caer por aquí”, lamentou Guillerme, “nin se chamou aos alcaldes preguntando o que sucedía nin que medios se precisaban”.

O líder nacionalista quixo amosar o seu apoio “aos alcaldes do BNG, en primeira liña da loita contra o lume, ao frente dos veciños e veciñas e ante a ausencia da administración autonómica”.

Pola súa banda, Davide Rodríguez, primeiro edil de Manzaneda, e Xabier Oviedo, de Maceda, denunciaron a desinformación e desinterese, así como falta de previsión por parte da Xunta, despois de advertir hai días de que podía suceder isto. “Que non se esqueza isto e se faga unha previsión para que isto non volva suceder”, reclamaron.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]