Galiza Nova explica nos campus galegos "as consecuencias da fraudulenta reforma da Constitución" con charlas informativas

Galiza Nova explicará nos campus galegos “as consecuencias da fraudulenta reforma da Constitución” con charlas informativas.

Galiza Nova organiza actos en todos os campus galegos durante este mesSantiago de Compostela, 5 Outubro 11.- Galiza Nova comeza hoxe unha campaña informativa nos campus universitarios galegos baixo o nome “As razóns do non a esta reforma da Constitución”. As mocidades nacionalistas desenvolven esta campaña de explicación “específica” nas universidades porque consideran que “a xente nova ten que coñecer ben que consecuencias terá para o seu futuro inmediato esta reforma fraudulenta da Constitución española”. Para Iria Aboi, Secretaria Xeral da organización, “esta é unha reforma antidemocrática, antisocial e antigalega” e engade “PP e PSOE non tiveron argumentos reais para negarse a un referendo para que os que nacimos despois de 1978 poidamos opinar sobre a reforma”.

Aboi subliñou que “as mozas e mozos deben saber cales foron as razóns que levaron ao nacionalismo galego a posicionarse en contra desta reforma e que fronte aos pactos entre PP e PSOE, o 20 N poden escoller a alternativa que representa o BNG”. “Unha alternativa -apuntou- de defensa da democracia, das maiorías sociais e dos dereitos de Galiza”.

Neste sentido, a Secretaria Xeral de GN relatou que teñen preparado “un calendario” de actos informativos nas Universidades galegas “aberto a dúbidas e coloquio das/os participantes”. A primeira delas terá lugar hoxe mércores 5 ás 19:30 na Aula 11 da Facultade de dereito de Santiago de Compostela, coas intervencións de Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, o catedrático de dereito constitucional, Antonio-Carlos Pereira Menaut, e a presentación da Secretaria Xeral da organización. A este acto seguiralle outro mañá, xoves 6, ás 11h na aula B7 da Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo coa participación de Olaia Fernández Davila, Deputada no Congreso e candidata do BNG nas próximas eleccións e o Secretario comarcal da CIG en Vigo, Serafín Otero. O luns 10, ás 12.30 será a quenda do acto no campus da Coruña na facultade de Dereito, con Francisco Jorquera, Deputado no Congreso e candidato do BNG nas próximas eleccións e Xulio Ferreiro, Profesor de dereito procesual. Galiza Nova informa tamén de que haberá un acto no Campus de Lugo para o mércores 19, despois dos Festexos do San Froilán, e o campus de Ourense nesa mesma semana.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]