Máis dun cento de mozos e mozas participaron nas Xornadas de Verán de Galiza Nova

recepción no concello de Carballo

A cita celebrouse nesta ocasión na comarca de Bergantiños

Un momento do roteiro por Monte Branco

Santiago de Compostela, 30 Setembro 11.- Preto dun cento de mozas e mozos déronse cita os pasados 23, 24 e 25 de setembro na Comarca de Bergantiños para celebrar as XXIII Xornadas de Galiza Nova. No Concello de Carballo o Alcalde, Evencio Ferrero, xunto co resto de membros da corporación municipal recibiunos para darlles a benvida e “describir a importante transformación de Carballo dende o goberno municipal”.

Concentración na praza da Laracha

Logo dun roteiro sobre Alfredo Brañas acompañados de Xan Fraga chegou a charla sobre a reforma da Constitución pactada polo PP e o PSOE e as súas consecuencias, no Pazo da Cultura de Carballo, coa participación da Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e do Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

Ás portas da casa de Pondal

Lugar de paso obrigado nestas Xornadas de Verán foi tamén a localidade de Ponteceso, ata onde as mozas e mozos se achegaron na mañá do sábado. Na vila natal de Eduardo Pondal visitaron a casa do poeta e o val que atravesa o Río Anllóns que tan ben o bardo reflectiu na súa obra. No remate do roteiro, na Casa dos Veciños do Couto, agardábaos o historiador Xoán Carlos Garrido, quen desgranou o pensamento e a obra de Castelao, para, posteriormente, iniciar a subida ao Monte Branco, desde onde as e os asistentes puideron contemplar as fermosas vistas deste mirador natural.

Na igrexa do Couto, onde está soterrada a familia de Pondal

O día continuou en Cabana de Bergantiños, onde con diferentes actividades de lecer, desde a práctica do piragüismo, o volei-praia ou o baloncesto ata a visita ao Castro de Borneiro e ao dolmen de Dombate. Para remate visitaron o espazo natural da Lagoa de Traba, onde a historia medieval e natural de Galiza foi a protagonista, para posteriormente achegarnos á localidade da Laracha para desfrutar do concerto do grupo galego Trapallada no Pub D’Antón.

Un momento da charla sobre a reforma da Constitución

O domingo amenceu soleado para visitar o Museo do Forno do Forte na vila oleira de Buño, en Malpica de Bergantiños. Posteriormente, as e os asistentes desprazáronse ata a Laracha onde Galiza Nova, conxuntamente co BNG, celebrou un acto de homenaxe ás e aos represaliados galegos de 1936. Na praza principal da vila, aínda hoxe en día denominada “Generalísimo Franco”, contamos coas intervencións de Xosé Manuel Sande, voceiro do BNG na localidade, e de Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, que lembraron ás miles de persoas asasinadas e torturadas pola ditadura franquista e esixiron a retirada da simboloxía fascista. O punto final a estas Xornadas puxémolo coa visita a Verdes, no Concello de Coristanco, onde antes de voltar a Compostela as e os asistentes desfrutaron dun xantar á beira do río.

Charla sobre Castelao

Tres intensos días de convivio e actividades que serviron para debater, analizar e poñer en valor o patrimonio cultural, histórico e natural de Galiza. As Xornadas de Verán volverán o ano que vén noutra comarca e por iso convidan a todas as mozas e mozos galegos a que se animen a asistir.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]