A Comisión Europea informa, en resposta ao BNG, que abriu unha "investigación exhaustiva" sobre o tax lease

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insiste na importancia de atopar unha pronta solución ao conflito creado pola paralización do sistema de financiamento

Santiago de Compostela, 26 Setembro 11.- A Comisión Europea, vén de confirmar en resposta a unha iniciativa do BNG e da súa portavoz en Europa, Ana Miranda, a apertura dunha “exhaustiva investigación” sobre o tax lease e a súa viabilidade futura.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, está a desenvolver nos últimos meses un intenso traballo para tratar de paliar as consecuencias da paralización do tax lease, sistema utilizado para financiar os buques construídos polo naval galego, a raíz dunha suposta incompatibilidade deste sistema coas regras europeas en materia de axudas estatais.

Segundo a resposta da Comisión, “é consciente das implicacións sociais deste asunto, pero debe ter tamén en conta as repercusións das medidas estudiadas na competencia e noutras empresas”. Asemade, segundo figura na resposta, “á Comisión non lle consta que existan sistemas similares en outros Estados membros”.

O BNG considera que esta resposta segue sen aclarar os puntos fundamentais da pregunta formulada no pasada mes de agosto e nos que agora insiste como “o prazo en que se resolverá esta situación ou cales foron os motivos que ocasionaron a incoacción deste expediente”.

Ana Miranda reitera que o fundamental neste momento é atopar unha “solución para a viabilidade das empresas e dos postos de traballo de galegos e galegas que están en perigo neste momento”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]